Burela anuncia multas de 100 a 3.000 euros por deixar lixo na vía pública e ata de 6.000 por non limpar as leiras

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO BURELA / LA VOZ

BURELA

PEPA LOSADA

O Concello publicou en días pasados dous bandos nos que pide a colaboración veciñal principalmente na época estival

30 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Dous bandos publicou a alcaldesa de Burela, Carmela López, para lembrarlles aos veciños a importancia de manter limpas rúas e outros espazos públicos. No que respecta á regulación de verteduras de lixo na vía pública lembra a prohibición de tirar chicles, cigarros, envoltorios e outros, e tamén de depositar nas papeleiras obxectos voluminosos que as colapsen.

Lembra que os residuos domésticos deben ser depositados nos colectores entre as 20.00 e as 00.00 horas e, no relativo ao punto limpo, abre de luns a venres de 16.30 a 20.30 horas e os sábados, de 9.00 a 13.00. En caso de ter que notificar a recollida de residuos de gran volume debe facerse no teléfono 626 763 142 entre as 9.00 e as 14 horas. Animan a veciños a denunciar verteduras ilegais e condutas incívicas, e lembran que o incumprimento das disposicións será sancionado con multas de entre 100 e 3.000 euros.

Outro bando municipal é referente ás obrigacións dos titulares de parcelas ou leiras clasificadas como chan urbano ou urbanizable para lembrarlles a súa obrigación de mantelas limpas, de xestionar a biomasa, de cortar e retirar especies arbóreas prohibidas nunha franxa de 50 metros ao redor de calquera edificación e outras instalacións, e de comunicar todas estas accións con antelación no Concello.

Desde o Concello burelense advirten que procederán a iniciar, tramitar ou resolver os procedementos de orde de execución e sancionadores que resulten oportunos en función da situación das parcelas ou leiras afectadas. As sancións en concepto de multa oscilan entre os 300 e os 6.000 euros.