A pulseira que lle regalou á raíña Letizia triunfa en Burela e hai lista de espera para tela

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO BURELA / LA VOZ

BURELA

Pulsera de Burela, tipo «Pandora»
Pulseira de Burela, tipo «Pandora» Strass

Unha semana despois da visita dos reis de España, a dona da tenda Strass agarda a chegada dun novo pedido tras esgotar as existencias desta xoia e para atender múltiples encargos

24 jun 2025 . Actualizado á 17:16 h.

A Pulseira de Burela. Así se denomina xa a xoia que a dona da tenda de complementos Strass de Burela, Lourdes Balseiro, regaloulle á raíña Letizia durante a visita que os reis fixeron á localidade mariñá o pasado martes 17. Cando se cumpre unha semana dos actos, a comerciante confirma a transcendencia daquel xesto, «que eu fixen de corazón», e constata que tivo unha importante repercusión tamén no que se refire a vendas. «Na tenda non quedou nin a primeira, nin unha que sempre tiña de mostra», afirma.

«Non recordo si tiña vinte ou vintecinco en stock e xa daquela tiña feito un pedido. Pero é certo que despois daquel momento moita máis xente se empezou a interesar por conseguir unha desas pulseiras», afirma Lourdes, que xa ten un mínimo de trinta encargos e que continúa atendendo outros que lle seguen chegando a diario: «Fixen un pedido máis grande para atender as encargas e todo o que poda xurdir. Agora tamén é un bo momento, xa que ademais de clientes de Burela e da zona, empezamos a recibir turistas e a pulseira é un detalle moi bonito que a moitos lles gusta levar de recordo». 

A pulseira, de prata de primeira lei, loce como abelorios catro elementos que identifican claramente a Burela: o torques, o faro, o barco museo e un bonito. A caixa da xoia inclúe unha imaxe do miradoiro do Monte Castelo e, por se non fose suficiente a referencia a Burela, forma parte da colección «Es o máis», co lema «Burela, coñecela é querela». É unha xoia exclusiva que Strass puxo á venda por primeira vez a mediados de 2023, coincidindo co trinta aniversario do comercio.

La reina Letizia con la pulsera el pasado martes 17 en Burela
A raíña Letizia coa pulseira o pasado martes 17 en Burela Strass

 Aínda que normalmente fai pedidos mínimos de entre trinta ou cincuenta unidades, nesta ocasión Lourdes Balseiro tivo que amplialo considerablemente. Confía en que non se atrase moitos días máis para poder entregalas aos clientes e, unha semana despois do acto, reitera a importancia da visita dos reis a Burela por toda a transcendencia da visita.

«A min pareceume adecuado facerlle este regalo e fíxeno de parte de todos nós, da xente de Burela, para que teña un recordo noso», explica a dona de Strass, que recoñece que xa cando no seu día lanzaron a xoia ao mercado tivo unha grande acollida: «É unha pulseira bonita, orixinal e que queda ben soa ou con outras».

Entre os últimos en comprala ou encargala, hai todo tipo de interesados. «Comentoume unha clienta 'É que lla vin á raíña e quero unha para min'». Outros consideran que é unha boa opción para regalar: «Un avó veulle coller unha para a súa neta».

Foto de archivo de Lourdes Balseiro en su tienda Strass, con motivo del treinta aniversario del negocio celebrado en 2023
Foto de arquivo de Lourdes Balseiro na súa tenda Strass, con motivo do trinta aniversario do negocio celebrado en 2023 PEPA LOSADA

«Considero que foi acertado agradecerlles que nos honraran coa súa visita, axudan a poñer a Burela no mapa e a que se fale de nós», manifesta. A maiores deste obsequio, Lourdes regaloulle á raíña un bolso de rafia elaborado artesanalmente e que leva pedras e accesorios de cor coral.