Rexeitan subvencionar con 11.096 euros a un barco burelense pola subida do combustible

La Voz

BURELA

Fachada del TSXG.
Fachada do TSXG. PACO RODRÍGUEZ

O TSXG dá por xustificada a decisión da Xunta de custear só unha parte do importe solicitado, 8.400 euros

13 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou a demanda interposta por unha casa armadora e deste xeito rexeita a súa petición de que un palangreiro de superficie con porto basee en Burela percibise 11.096 euros máis de axuda polas consecuencias da guerra de Ucraína, coa consecuente inflación e aumento do prezo do combustible.

Ao abrigo da convocatoria realizada pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, a empresa solicitou unha subvención de 19.484 euros. O 28 de decembro do 2023, a Xunta concedeu á solicitante unha subvención de 8.387 euros, negándolle o total reclamado.

Alegaba a armadora que a resolución carecía de «unha debida motivación» e por iso se conculcaba un dereito do participante, ao non haber referencia a «causas que xustifiquen razoablemente a prorrata aplicada». Así, apreciábanse «elementos de arbitrariedade».

O Alto tribunal recoñece que a resolución é «parca» en información, pero si entende explicada e xustificada a minoración. «A motivación efectuada en canto á cantidade resultante neste procedemento é suficiente (...), por corresponder o 46,19% de 18.156 euros das axudas ao aplicarse un prorrateo en razón dos barcos que presentaron a solicitude incluídos no apartado denominado resto de buques», expón. Cabe recurso de casación.