O TSXG decidirá se derroga a ordenanza fiscal pola que A Pontenova pedía case un millón de euros a unha enerxética
A PONTENOVA

O xulgado lucense, que anulou en sentenza firme a taxa por actividade, expón catro anos despois a cuestión de ilegalidade fronte á norma que a sustenta
04 may 2025 . Actualizado á 11:00 h.O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou o sábado un auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo co que se expón, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a cuestión de ilegalidade no referente á ordenanza fiscal do municipio da Pontenova reguladora da taxa pola realización de actividades administrativas con motivo da apertura de establecementos. O xuíz pide ao Alto tribunal galego que resolva despois de que unha sentenza do 2021, xa declarada firme, dese a razón á empresa Norvento fronte ao Concello, que lle reclamaba case un millón de euros pola actividade do parque eólico Cadeira.
Norvento presentou en setembro do 2020 un contencioso contra unha resolución da alcaldía que, en base á aplicación da devandita normativa municipal, emprazaba á empresa para abonar 946.014 euros pola actividade da instalación. O xulgado lucense resolveu en decembro do 2021, estimando o recurso da compaña. O tribunal considerou que non había un informe económico-financeiro que xustificase o custo do servizo e os criterios aplicados na ordenanza fiscal, aprobada no 2013, de modo que o importe da liquidación «se sustenta en elementos ou parámetros económicos que se descoñecen por completo, dando lugar a unha falta de motivación absoluta».
Dese modo, o fallo anulaba a taxa considerando tamén nula a normativa que a sustentaba, aínda que as actuacións quedaban pendentes da formulación, ante o TSXG, da cuestión de legalidade referida á ordenanza fiscal. Non foi ata o pasado 25 de abril, case catro anos e medio despois, cando o xulgado lucense ditou o auto correspondente. Con el busca un pronunciamiento que reforce a seguridade xurídica sobre a normativa municipal, e esclareza se se axusta ou non a dereito.
A ordenanza en cuestión concreta que o feito impoñible da taxa está constituído «polas actuacións municipais desenvolvidas con motivo de apertura de establecementos, para verificación de que os mesmos reúnen as condicións requeridas pola normativa (...) Entenderase por establecemento toda edificación, instalación ou recinto cuberto ou ao aire libre (...), destinado, habitual ou temporalmente, ao exercicio de actividades económicas por contra propia». Así, establécese a cota tributaria sobre os metros cadrados de ocupación, multiplicando a superficie polas tarifas previstas.
O alcalde da Pontenova, Darío Campos, expón que unha vez Norvento gañou o preito con sentenza firme, «liquidóuselle o imposto á empresa pola ordenanza municipal anterior, que é do ano 2003, o que supuña unha cantidade a pagar moito máis pequena, duns 46.000 euros». No entanto, a compaña enerxética reclamou tamén ante os tribunais contra o abono desta cantidade. Todo quedou pendente da resolución do TSXG, «porque para poder aplicar unha normativa, hai que anular a outra, e ata agora non se fixera o trámite porque quedou todo nun caixón», lamenta, sinalando que estes atrasos supoñen un prexuízo para o Concello pontenovés.
O parque eólico Cadeira, que entrou en funcionamento no ano 2019, ocupa terreos da Pontenova, Trabada, Lourenzá e Riotorto. Está composto por seis aeroxeradores de 135 metros de rotor e 82 de altura, para unha potencia total próxima aos 20 MW.