«David Civera foi a actuación máis difícil de pechar, pero tamén a máis fácil de decidir»

La Voz

A MARIÑA

Os integrantes da camisión ante a capela de San Roque. De esquerda a dereita son: Juanma Sánchez, Cristina Parapar, Hugo Ron, Gerardo Veiga e Raquel Trasancos.
Os integrantes da camisión ante a capela de San Roque. De esquerda a dereita son: Juanma Sánchez, Cristina Parapar, Hugo Ron, Gerardo Veiga e Raquel Trasancos.

Juanma Sánchez, o presidente de Viveiro en Festas, valora a diversidade das actuacións, que terán o seu concerto estelar na medianoite do sábado, tras un enorme esforzo «mantendo viva a actividade lúdica e cultural durante todo o ano»

12 ago 2026 . Actualizado a las 12:49 h.

Juanma Sánchez Salgueiro (Viveiro, 1993) preside Viveiro en Festas, a comisión responsable do programa dos días grandes nas festas de San Roque. «Intentamos facer unha proposta para tódolos públicos, con música de estilos diferentes. Trouxemos un grupo de música galega que fusiona a música tradicional e a electrónica Alana máis Lina e Lola), un artista superconsolidado como David Civera na xira do 25 aniversario da súa carreira e un grupo emerxente de ámbito nacional cunha proposta bastante interesante (Niños Bravos)», sinala desde un colectivo cuxa directiva completan Cristina Parapar, Hugo Ron, Gerardo Veiga e Raquel Trasancos.

A súa gran aposta será o concerto de David Civera na medianoite do sábado 15 na praza Maior: «É o artista máis coñecido, foi o máis complicado de pechar, pero tamén o máis fácil de decidir. Tendo en conta as limitacións que temos a nivel recadatorio, cremos que é unha aposta moi axeitada».

Nestas festas, as segundas que organizan como comisión, pecharán un ano de traballo entregado. «Literalmente levamos traballando desde a sardiñada do ano pasado. Fomos recadando en todo os eventos que fixemos, desde a cea de Nadal, a edición dos calendarios, a festa do Entroido, o Día das Tortillas, a venda de merchandising... Todo está destinado a sufragar estas festas. Non é só o traballo que leva organizar os días 14, 15 e 16, senón o esforzo de facer todas estas citas durante o ano e manter viva a actividade cultural e lúdica de Viveiro durante o ano», explica Sánchez.

Inmersos xa nas celebracións, Viveiro en Festas continúa coa venda das camisetas, pañoletas ou bolsas que lanzou con motivos do San Roque para tratar de pechar o seu orzamento: «Realmente, aínda non acabamos de recadar. Seguimos con merch, lotaría, imos sacar as pañoletas... Contamos andar á par do ano pasado, nuns 100 ou 120.000 euros por toda a programación dos tres días».

O 2027

Será tras a Sardiñada Popular Souto das Nogueiras, o luns 17 ás 20 horas, cando o equipo presidido por Juanma Sánchez, con Raquel Trasancos de vicepresidenta, Cristina Parapar de tesoureira, Hugo Ron de secretario e Gerardo Veiga de vogal faga balance e comece a conta atrás para as festas patronais de Viveiro do 2027: «Xa comezamos algunhas das xestións para o 2027, pero todo vai depender do balance que fagamos o día 18. A nosa intención é continuar, pero todo depende dos apoios que xuntemos».