Non se pode obviar. Nin sequera agora. Os mozos que traballan na industria non o viviron. Tampouco llo ensinamos. Por iso miran ao mar apenas como baños estivais. Pero o mar tivo un papel económico de primeira magnitude no pasado século XX. Incluso recoñecendo que por illamento foi a costa Cantábrica Galaica a menos coñecida dos case 1.600 quilómetros costeiros galegos. Máis de 70 quilómetros entre a costa dos concellos de Ribadeo e Vicedo, con fermosas praias de todos os tamaños e portos cheos de historia, atalaias vixías, paso de baleas e xentes de mar, polo menos os da miña xeración. Sempre é un bo momento para indagar e publicitar sobre o contido dos libros de actas das Confrarías de Pescadores, aínda cando hai certo receo nalgunhas delas, como me sucedeu a min coa de San Ciprián, a pesar de proporcionarlles documentación e ser o meu parente Darío Baltar Baltar uns dos seus promotores en decembro de 1929. Ah!. E algo que reivindico. As rías deste litoral galaico son as rías do Cantábrico que deben diferenciarse das rías altas -A Coruña- e rías Baixas -Pontevedra e Vigo-. A nosa capital histórica segue sendo Mondoñedo. E en caso de recoñecer a Lugo, seremos Lugueses e non Lucenses. As rías reciben o nome do porto máis importante en actividade que se atopan os buques cando arriban a terra.
Sempre poño o exemplo de ría de Bilbao, pois a ninguén se lle ocorre dicir Ría do Nervión. Moi importantes. Sociedade de Socorros Mutuos de San Ciprián (1928-1930) e outra no de Foz: Sociedade de Socorros Mutuos de Foz (1928-1938?). O seu obxectivo era o de socorrer a todos os seus asociados que por enfermidade temporal ou inutilidade permanente, achásense imposibilitados para o desempeño do seu traballo. Tamén se auxiliaría, en caso de falecemento do socio, á familia deste; e como último punto, contemplábase a xestión ante os poderes públicos de todo aquilo que poida redundar en beneficio do pobo. A Sociedade de Socorros Mutuos de San Ciprián incorporouse ao Depósito quedando así fundada a “Sección de Socorros Mutuos” do mesmo segundo o Regulamento do Depósito Marítimo Terrestre de San Ciprián.
Os seus obxectivos eran o melloramento das condicións de vida dos seus asociados mediante o establecemento de socorros e seguros sociais; a explotación directa da pesca, eliminando a figura do intermediario; a organización da venda feita polos socios procurando sempre bos prezos para o peixe, conseguir e facilitar embarcacións, artes ou todos os efectos e artigos necesarios para a súa vida profesional en condicións garantidas de prezo e calidade e finalmente, estimular a cultura xeral e profesional. Na medida en que os Depósitos se desenvolven van xurdindo as distintas seccións como a Sección de Caixas de Crédito, cuxo obxecto era ofrecer préstamos aos asociados que precisasen liquidez para a adquisición, reparación e mantemento das embarcacións e artes de pesca e, ata en casos de apuro para a súa propia subsistencia, alternativa necesaria á existencia de prestamistas particulares que fan fortuna cos réditos. a Sección Cultural era a encargada de velar tanto polo ensino elemental, orientada a nenos, como pola profesional, verificada nunha Escola de Orientación Marítima que no caso do porto de San Ciprián tivo especial prestixio polo labor formativo de patróns e outros postos no barco que realiza desde 1936 o Mestre Nacional don Francisco Rivera Casás.
A inmensa maioría dos homes residentes nas parroquias do Concello de Cervo estiveron enrolados nas costeiro do bocarte e do bonito, o que permitiu dispor dunha renda moi superior á que daba o campo, os montes e as granxas. Cambiando a vida, por mellora da calidade nas vivendas e en xeral na disposición de equipamentos e servizos como a presenza de médicos do Instituto Social da Mariña, cuxos consultorios remataron instalados nas Casas do Mar onda oferta hostaleira para os tripulantes que pernoitaban en terra e iso en condicións económicas máis favorables que nos establecementos de hostalería do momento -casas de hóspedes e comidas-.