Levamos anos falando da situación incerta de Alcoa na Mariña, situación que se mantén aínda que agora están a arrincar as cubas na planta de Aluminio para recuperar a produción e hai certa calma confiando en que se logre, ao fin, certa normalidade; de todos os xeitos tamén se apunta nestes últimos días a posibilidade -que non hai que descartar- de venda da fábrica. Non sería a primeira tentativa.
Mentres tanto, onde se anunciaron despedimentos é na biofábrica de Ence en Navia, que dá emprego a moitos traballadores do Occidente astur e incluso da Mariña Oriental, tamén a transportistas e a produtores de madeira de toda a zona norte. Non se sospeitaba, dado que a biofábrica é, en certo xeito, punteira e intentan transformala continuamente para que sexa sostible e unha planta de futuro en Europa. Por iso sorprendeu.
Esta semana comezaron xa as negociacións en Navia entre empresa e comité e de momento non dan cifras, fálase dun plan de prexubilacións a partir dos 58 anos. Hai confianza en que non haxa despedimentos ao final. En Ence Pontevedra si as deron e confirmado este mesmo venres, 36 despedimentos e prexubilacións. En Navia continuarán negociando esta semana entrante. Non só están pendentes de Ence Navia os traballadores, tamén moitos empregos indirectos que xera a fábrica ao redor da madeira e ao transporte.