Martín Vale, tenente de alcalde: «Empresas de Viveiro están deixando de coller máis traballo por falta de persoal»

Lucía Rey
lucía rei VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Martín Vale Cobo organizou este sábado o terceiro Foro Económico de Viveiro
Martín Vale Cobo organizou este sábado ou terceiro Foro Económico de Viveiro PEPA LOSADA

O conceleiro de Economía, Facenda e Industria destaca que o Concello está traballando «arreo» para sacar adiante o PXOM

26 oct 2025 . Actualizado á 20:25 h.

Sete meses despois de entrar no goberno local como tenente de alcaldesa e concelleiro de Economía, Facenda, Obras, Industria, Mercados e Medio Ambiente, Martín Vale Cobo (Celeiro, Viveiro, 1972), que organizou onte o terceiro Foro Económico de Viveiro, fai unha valoración moi positiva. «Estamos traballando duro para cambiar o rumbo do Concello e poñer en marcha unha etapa de xestión máis eficaz e transparente. Foron meses de moito esforzo, de análise da situación económica e de planificar os proxectos que consideramos prioritarios para o futuro de Viveiro. Sabemos que queda moito por facer, pero estamos sentando as bases dun Concello máis solvente, áxil e próximo á veciñanza», sostén.

—Que desafíos leva cumpridos?

—O mais importante foi conseguir o apoio de XViveiro para poder gobernar e tentar cambiar o rumbo do Concello. No inicio de lexislatura, demostramos, coa nosa forma de facer oposición, que tiñamos a capacidade para asumir o reto de gobernar. Xa no equipo de Goberno, hai varios fitos: poder sacar adiante o Orzamento 2025, o Resu, as festas de agosto...

—Cales espera resolver agora?

—Estamos traballando arreo para sacar adiante o PXOM. Estamos polo bo camiño; cambiamos a dinámica. Agora hai entendemento total cos técnicos e penso que eles tamén se senten arroupados polo equipo de Goberno. No inicio da lexislatura, o PSOE quería seguir cara adiante co traballo feito, pero co freo de man botado. Ademais, o BNG quería tirar ao lixo o traballo feito e arrincar de cero. Así era imposible que acadáramos o obxectivo de ter aprobado o plan nesta lexislatura. A curto prazo, tamén teño o reto de tentar sacar adiante o Orzamento 2026 en tempo e forma, aspecto necesario para o normal funcionamento do Concello. E tamén a licitación de dous contratos moi importantes coma son o da ESE e o da limpeza viaria e recollida de residuos.

—Que visión ten da realidade económica a nivel das arcas municipais e a nivel de empresas privadas, tendo en conta que nos últimos anos houbo numerosos peches: as conserveiras de Celeiro, Alco, Hidrofersa, etcétera…?

—A situación económica do Concello é moi complicada, con moito peso do gasto corrente, falta de ingresos por falta de PXOM e ordenanzas fiscais obsoletas. A isto hai que engadirlle que, nos anos 2023 e 2024, rexistrouse un déficit orzamentario que aínda estamos sufrindo. No eido empresarial, somos moi dependentes tanto das políticas pesqueiras europeas como das decisións estratéxicas de grandes empresas de capital foráneo. Isto prexudícanos moito. Sen embargo, nese contexto, tamén temos brotes verdes e estanse a facer cousas interesantes por parte de empresarios e directivos locais que aman Viveiro e apostan polo territorio. Temos que sacar adiante o PXOM como revulsivo de ingresos para o Concello e, tamén, poñer en valor Viveiro como destino turístico de calidade.

—Mantiveron xa moitos contactos con empresarios de Viveiro?

—Tamén son veciños e estamos en contacto permanente coa xente. Os problemas son os que xa comentaba con anterioridade: a falta do PXOM e, ademais, un problema transversal como é a falta de vivenda. Non temos seguridade xurídica para construír, non se poden poñer en marcha novos negocios... Outro tema é a falta de relevo xeracional, un aspecto preocupante, porque as nosas empresas están deixando de coller máis traballo por falta de capacidade produtiva. Este é un problema que afecta a todos os sectores.

—Cales son os puntos fortes das empresas de Viveiro?

—Sectores coma o pesqueiro, o turístico e o forestal levan moito tempo traballando a un alto nivel. Fixeron inversións moi fortes en equipamentos ao longo dos anos e teñen un gran coñecemento acumulado.

«Houbo miopía política, porque hai partidas da Xunta para arrincar o tramo da variante co trazado rexeitado hai 20 anos»

—A falta de infraestruturas (VAC Costa Norte, variante...) leva décadas lastrando o desenvolvemento de Viveiro. Pódese facer algo mentres non se produzan avances significativos nese eido?

—No orzamento da Xunta 2026 están presentes partidas para seguir coa obra da Gañidoira e para arrincar co tramo da nosa variante, unha obra moi necesaria que no seu día se paralizou por miopía política. Digo isto porque, ao final, acabamos solicitando o mesmo trazado que rexeitamos hai 20 anos. Para nós sería importante que o Goberno do Estado investira na Autovía da Mariña e que mellorara a nosa conexión con Barreiros. Temos un mercado moi importante tanto nas comunidades do Cantábrico como co mercado francés.

—Que avances hai co polígono de Landrove logo da reunión da alcaldesa coa Xunta, e na que se valorou dividir parcelas ou crear ‘mini polígonos’ noutros puntos?

—Estamos a revisar a situación do e prevemos retomar o diálogo coa Xunta e coa sociedade pública Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), titular dos terreos, para coñecer de primeira man o estado actual do proxecto e as opcións de aproveitamento. Ata o momento, non se produciron novos acordos nin pasos administrativos significativos desde que estamos no equipo de Goberno. A información dispoñible é a derivada de encontros entre Concello e Xunta, nos que se abordou de forma preliminar a posibilidade de optimizar o solo industrial con fórmulas que faciliten o asentamento de pequenas e medianas empresas. A nosa prioridade agora é contar cun diagnóstico actualizado e actuar con rigor, transparencia e coordinación institucional.

—Contactaron co goberno local empresas foráneas interesadas en asentarse en Viveiro?

—Recibimos xa consultas informativas e algunhas mostras de interese xeral por parte de empresas que se interesaron pola dispoñibilidade de solo industrial e polos procedementos de implantación. Porén, non existe ningún proxecto en tramitación formal nin solicitudes presentadas oficialmente. Mantemos unha actitude aberta e colaboradora co tecido empresarial, local e externo, e temos como obxectivo crear as condicións para favorecer a actividade económica e o emprego, sempre dentro das posibilidades e coa planificación que se defina nos próximos meses.

«Os obradoiros de emprego son necesarios pola falta de relevo xeracional en oficios»

A diario constátase que en Viveiro, ó igual que noutras poboacións mariñanas, hai escaseza de profesionais en oficios tradicionais, como carpinteiros, fontaneiros, albaneis, electricistas, etcétera.

—Valoraron a posibilidade de poñer en marcha obradoiros de emprego?

—Nós entendemos que estes obradoiros son necesarios. Antes falabamos da falta de relevo xeracional e, insisto, no que poidamos axudar para atallar o problema, farémolo.

—E a posibilidade de retomar a antiga Escola Taller nas instalacións de Chavín, que están abandonadas?

—É unha mágoa ver a situación de abandono en que atopamos unhas instalacións con tanta historia industrial. O edificio foi amañado nos anos 90 para usalo como escola taller, pero non foi mantido como era preciso. Por desgraza, este é un denominador común das instalacións municipais.

—De que maneira pretenden ou poden apoiar ós emprendedores de Viveiro, especialmente ós autónomos?

—Nós podemos actuar dentro do noso ámbito de competencias. Podemos tratar de facilitar, na medida do posible, a axilización de trámites para que poidan poñer en marcha os seus negocios canto antes.

«Cando aceptei o cargo xa coñecía o sacrificio que tería que asumir e sentir o apoio da familia é moi importante»

Martín Vale compaxina a tenencia de alcaldesa e a responsabilidade de varias delegacións co seu traballo no sector privado, no departamento financeiro na empresa viveirense Costanor.

—Como o leva?

—Compaxinar a responsabilidade do meu cargo no Concello co meu traballo non é doado. Sobre todo, porque recoñezo que teño que sacar horas de tempo que lle debería dedicar á miña familia. Pero cando aceptei o cargo xa coñecía o sacrificio que tería que asumir. A situación económica do Concello é moi complicada e non é posible que teñamos as dedicacións necesarias para un concello como o de Viveiro. Para min é moi importante sentir o apoio total da miña familia.