Viveiro goza desde este mes dunha sala de música electrónica nunha casa que data do século XVI
A MARIÑA
O pub O Guin diversifica a súa oferta coa proposta Tramposo Club na súa planta de arriba
25 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.Viveiro conta desde este mes cun novo espazo dedicado á música electrónica. Trátase de Tramposo Club, unha sala habilitada na planta superior do pub O Guin, situada nunha casa da rúa Rosalía de Castro que data do século XVI, en pleno centro histórico de Viveiro. Pablo Guijarro Infante, de 30 anos e xestor tamén da Cafetería 12, na praza da Fontenova, é o impulsor desta nova proposta. «Funciona coma se fose outro pub distinto no mesmo edificio. É dicir, serían dúas salas, dous ambientes diferentes. Arriba temos música electrónica e abaixo algo máis comercial, reguetón sobre todo, que é o que escoita a maioría», explica Seixo.
A súa idea é intentar organizar varias festas con disyoqueis cada mes. En outubro empezou o día 4 con Manuel Villasuso, de Ortigueira, e Lidia Mascarell, da Coruña. Tomaron a vez o 18 o viveirense Sergio, baixo o nome SBC, e o coruñés Marco. «Intentarei ter polo menos dúas festas mensuais, pero irémolo vendo en función da resposta da xente. O próximo evento será a fin de semana próxima e virá un dj de Vigo. A miña intención é promocionar a artistas locais e traer a outros doutras zonas de Galicia que xa teñan experiencia en salas deste estilo», apunta.
O público respondeu «ben» nas dúas primeira sesións. «Á primeira veu bastante xente e á segundo, máis aínda. Non é que estivese cheísimo o local, que tampouco é demasiado amplo, pero si que a resposta foi moi positiva e creo que a xente á que lle gusta o techno é un público moi fiel», considera.
A Pablo Guijarro gustaríalle que Tramposo Club servise de punto de encontro en Viveiro para os amantes da música electrónica. «Igual que temos o Resu e o pub Punto e Aparte como local de referencia para ese estilo de música, desde hai uns anos temos o festival Ether de música electrónica e gustaríame que o noso local fose o referente para os amantes desta música. De feito, a idea é ter sempre esa música de ambiente, aínda que non haxa unha sesión con disyóquei», avanza.
Ningúns dos profesionais que xa visitaron Tramposo sorprendéronse do contraste entre as dúas zonas. «A parte de arriba é moi distinta. Ven a zona de abaixo, que ten o seu encanto tamén, pero logo arriba xa é algo totalmente distinto, máis rústico, en pedra, e adoita gustar moito á xente», sinala.
Seixo cumpre cinco anos a cargo dO Guin e desde hai ano e medio tamén rexenta a Cafetería 12, «que este ano xa funcionou moito mellor que o pasado porque, aínda que todo é hostalería, é moi diferente ao que estaba habituado, había que adaptarse e seguimos puíndo aínda defectos», conclúe o emprendedor viveirense.