O Celtas Rabaza de Foz desata a ilusión ao empezar con dúas vitorias contra «aspirantes ao ascenso»
A MARIÑA

Alberto Ruiz de Galarreta mostrouse encantado coa actitude do seu equipo tras vencer ao USC Obradoiro
14 oct 2025 . Actualizado á 18:11 h.O novo Celtas Rabaza de Foz de Alberto Ruiz de Galarreta desatou a ilusión con dous triunfo de prestixio no arranque da campaña na Primeira Autonómica masculina de baloncesto. «O comezo non pode ser mellor: dous partidos xogados e os dous gandos ante rivais moi potentes e candidatos ao ascenso», destacou o adestrador rioxano dun conxunto que, tras estrearse en Marzán con 100-90 ao Cambre, tamén ofreceu un altísimo nivel para sorprender na cancha do USC Obradoiro (80-82).
«Fixemos un partidazo, un partido incrible ante un dos equipos que, sen dúbida, é candidato ao ascenso», destacou «moi contento co rendemento do equipo». «Os xogadores están a facer todo o que lles pido. Están a xogar en equipo, en equipo en maiúsculas», engadiu.
«A clave da nosa vitoria estivo en crer, en non baixar os brazos e a loita de todo o equipo. Ademais, participaron os nosos 12 xogadores», analizou Ruiz de Galarreta sobre o que definiu como un éxito colectivo ante os canteiráns do Obradoiro santiagués nunha batalla de «David contra Goliat». «Se vas ao choque contra eles pásanche por amais. Soubemos xogar as nosas bazas e aguantamos as súas acometidas, aínda que sufrimos no rebote porque teñen xogadores de moita altura», explicou.
O técnico do Celtas puxo en valor o traballo dos seus homes para sobreporse ao que definiu como un poderoso rival: «Son un equipo moi forte. Gustáronme. Teñen físico, xogadores de máis de dous metros e liña exterior. Ademais, adestran catro días á semana. Nós temos o hándicap de que, ao ser un equipo de pobo con moitos xogadores estudando fóra, só estamos todos o venres. Iso témolo que compensar traballando moi ben os venres e póndolle moita enerxía e ganas aos partidos».
Os focenses volverán á acción o sábado (18 horas) para recibir a un Costa Ártabra que tamén conseguiu o triunfo nas dúas primeiras xornadas.
Alberto Ruiz de Galarreta viu ao Galicia Praia «sen enerxía» no debut en Vilagarcía
Tras unha boa madruga e unha longa viaxe, Alberto Ruiz de Galarreta recoñeceu que o seu Celtas Galicia Praia entrou «sen enerxía» ao seu debut na Primeira Autonómica feminina, na cancha do Vilagarcía (75-58): «Fixemos un mal primeiro tempo, fallando canastras doados, sen acerto no tiro e dando facilidades en defensa».
«Máis espabiladas» tras o descanso, as focenses chegaron a porse a oito no marcador. «Foi unha utopía, en ningún momento tivemos opcións de triunfo», destacou un adestrador que viu «superior» ao rival e lembrou que era o primeiro partido do equipo, ao non xogar ningún en pretemporada, e teñen un cadro de persoal curto.
O sábado estréanse en Marzán contra Escravas (16 horas).