
Expertos, actores implicados e poboación debateron no foro da mancomunidade
02 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.O crecemento da Mariña como destino e as bases para lograr a sustentabilidade que require foron onte os temas centrais do primeiro Foro de Turismo e Sostibilidade, organizado no Valadouro pola Mancomunidade de Municipios mariñá. Relatorios de varios especialistas e un coloquio serviron para compartir coñecementos e visións sobre o desenvolvemento turístico da comarca e as oportunidades e desafíos que presenta.
Ten A Mariña, unha comarca «de moda» segundo os propios expertos, unha oportunidade de pulsar un modelo de turismo sostible, e os instrumentos para poder facelo? Foi a pregunta que lanzou durante o debate o consultor estratéxico e asesor da ONU en materia turística, Iñaki Gaztelumendi, que tamén falou de sustentabilidade como relatora.
A alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da mancomunidade, Ana Ermida, lembrou que «houbo outras épocas nas que a promoción e a política turísticas foron distintas, e iso puxo A Mariña na situación que temos agora». A pesar dun evidente crecemento que se traduce en centos de segundas residencias, na proliferación das vivendas de uso turístico ou nas cifras á alza da ocupación hoteleira, a rexedora barreirense asegurou que «esta comarca ten posibilidade de acadar ese turismo sostible porque xa levamos anos traballando nel. Temos territorio, poboación local implicada e un sector concienciado, e o que temos que facer é deixar de contabilizar turistas ao peso e de entrar en guerras de cifras de visitantes, e poñer o foco na nosa capacidade real», manifestou.
Ermida fixo fincapé en que asegurar os servizos nun contexto de aumento da demanda é unha materia crave e sinalou que «o turismo pode ser riqueza e unha oportunidade, tanto para as persoas que viven directamente del e tamén para as que non, pero sempre que a poboación local vexa satisfeitas as súas necesidades».
«Tenemos que desvincular el crecimiento del turismo del número de visitantes», coincidiu José Manuel Villapol, xerente do Hotel Leira Goleta en Foz. «Hay que poner en valor el empleo, la satisfacción del cliente, y también es importante el gasto, porque a nivel de la costa de Galicia somos el destino turístico más económico», aseverou, ao que Gaztelumendi engadiu que «posiblemente, el de mejor relación calidad-precio, y con margen para crecer de forma sostenible en el apartado de las tarifas».
Presidenta da Federación de Comercio A Mariña, Carmen Cruzado instou a «tomar medidas ya, porque no estamos en una zona masificada, pero sí saturada en algunos momentos. Se nota en Ribadeo, Foz, Barreiros o Viveiro. En agosto, la vida de los habitantes de este territorio se complica, incluyendo un aumento de los precios con los que hay que tener cuidado. Recibimos a muchísimas personas que demandan más agua o recogida de basura, y esos servicios, los Ayuntamientos por sí solos no los pueden proporcionar», advertiu. Ademais, resaltou que ante o quecemento global «nos estamos convirtiendo en un oasis climático (...). Está claro que vamos a ir a más a nivel turístico y tenemos que prepararnos para afrontarlo todos juntos, el sector público, el privado y la población», concluíu.
Coordinador do programa Mariña Marabillosa, Pepe Peinó fixo fincapé no concepto de escala. Así, pediu «evitar turismos abusivos» e priorizar «a colaboración entre pequenos proxectos sobre os xigantes, para que a comarca non se desvirtúe e perda algunhas das súas características, como son a familiaridade e o contacto humano».
Antes da mesa redonda, expertos desde varios campos ofreceron distintas perspectivas. Alfonso Bertrán —arquitecto da Fundación RIA— analizou o concepto de turismo sostible desde o punto de vista do territorio. Expuxo casos concretos no seu ámbito profesional da consecución de espazos sostibles. Nere Ariztoy, consultora en turismo, mercadotecnia e comunicación, desde a óptica dos destinos turísticos, neste caso falando da comarca do País Vasco; e Patricia Dueñas, responsable de economía circular en Iberostar Hotels & Resorts, desde a perspectiva das empresas. Explicou, por exemplo, como se executou na cadea un plan para reducir o plástico na actividade hoteleira.