Vandalismo na praia de Seiramar, en Viveiro, a única de uso compartido por bañistas e cans

A MARIÑA

Descoñecidos realizaron unha pintada coa frase «Salchichas envelenadas» no cartel que lembra as normas fixadas pola ordenanza
25 ago 2025 . Actualizado á 12:51 h.A única praia de Viveiro na que poden convivir durante o verán bañistas e cans, a de Seiramar, situada en Covas, foi obxecto de vandalismo. Descoñecidos realizaron unha pintada coa frase «Salchichas envelenadas» sobre o cartel no que o Concello de Viveiro lembra os puntos máis destacados da Ordenanza de Uso e Aproveitamento de praias, aprobada en xullo do 2024, e que establece o uso compartido do citado areal.
A norma fixa que as mascotas poden acceder en calquera horario á praia, así como circular e bañarse nela, pero deben estar controladas «en todo momento» polo seu dono ou acompañante, e non poden molestar ao resto de usuarios. Tamén que os animais cun peso superior a 20 quilogramos ou de razas potencialmente perigosas deben levar boceira. Os propietarios están obrigados a recoller os excrementos das súas mascotas.
O cartel tamén lembra as sancións que carreta incumprir a ordenanza, e que oscilan entre os 100 e os 750 euros se a infracción é leve, os 751 e os 1.500 se a infracción é grave, e os 1.501 e os 3.000 se é moi grave.