Leccións dun campión da NBA para os alumnos dun campus en Ribadeo

La Voz

A MARIÑA

O xogador dos Boston Celtics Payton Pritchard participou por videoconferencia no campus Sublime

24 jul 2025 . Actualizado á 14:22 h.

Os 30 alumnos que participan no campus de baloncesto Sublime, en Ribadeo, viviron unha experiencia inesquecible ao recibir as leccións dunha das grandes estrelas da NBA. Payton Pritchard, xogador dos Boston Celtics, cos que se proclamou campión no 2024 e foi elixido mellor sexto home da liga, entrou por videoconferencia no campus e deleitou ás promesas mariñás cos seus consellos e experiencias.

O base estadounidense, non en balde, é un dos impulsores do campamento xunto ao exxogador profesional lucense Pablo Ferreiro. Iniciado o pasado domingo, este xoves viven as súas últimas sesións de adestramento baixo a responsabilidade dun equipo de altísimo nivel.

«Para nós é un orgullo que os rapaces que asisten a este campus teñan a posibilidade de escoitar a unha estrela da NBA. Non todos os días se contacta desde un campus dun concello como Ribadeo cun xogador deste calibre. Sabemos que están gozando ao máximo desta experiencia», destacou o edil de Deportes ribadense, Francisco José Silvent, durante unha visita institucional.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén estivo nun campus ao que destacou como unha máis das iniciativas «que promoven o deporte, o traballo en equipo e o intercambio cultural».

Coordinado por Josep María Raventós e o americano Casey Trujeque, o campus Sublime ofreceu sesións de adestramento nos dous pavillóns ribadenses, competicións, charlas e sesións divulgativas, sen descoidar aspectos como a psicoloxía deportiva e a alimentación, ademais doutras actividades lúdicas.