
O 26 de xullo de 2014 a ministra entón Ana Pastor inauguraba o primeiro tramo da Autovía do Cantábrico por Galicia, desde Ribadeo cara a Mondoñedo e Vilalba. Pouco despois tivo lugar un accidente múltiple no viaduto de Ou Fiouco cunha vintena de turismos e camións implicados debido ás densas néboas que se acumulaban e séguense acumulando no máis alto do val do Masma. Cunqueiro na súa literatura referíase xa a estas néboas. Houbo entón medio centenar de feridos e unha vítima mortal, unha muller de Ourense que prestaba servizo no 061 en Foz; perdeu a vida seguramente por intentar auxiliar aos feridos nese sinistro, nunha escena dantesca entre néboa e berros de desesperación. Aínda lembramos o hospital de campaña que se instalou nun campo de Mondoñedo.
Desde o primeiro día en que se inaugurou este tramo da A-8 a néboa densa é unha constante. Non hai xeito de eliminala nin de evitar accidentes. Case sempre en xullo cando as temperaturas son suaves e ascende a néboa. Ás veces con choiva persistente como este venres. Houbo un tempo en que a autovía se cortaba ao tráfico de xeito continuo durante o verán desviando a circulación pola vella N-634 en Mondoñedo. Séguese facendo, menos días porque se instalaron balizas luminosas que avisan aos condutores, pero o perigo é grande de todos os xeitos. Acábase de ver.
Por máis que se buscaron sistemas -algúns novos- para evitar a néboa, nada funcionou. Convocouse ata un concurso de ideas no seu momento. Falta intentalo con luz láser antinéboa, pero o Goberno explicou no Congreso algunha vez que carecía de presuposto. Estraña que os enxeñeiros non advertisen o problema das néboas e o perigo que poderían supor para a circulación neste tramo á hora de definir o trazado. Non leron a Cunqueiro nin escoitaron aos máis vellos.
Van máis de 60 feridos xa e unha vítima mortal en accidentes de tráfico provocados pola néboa na A-8 entre Mondoñedo e Abadín.