Proxeccións, concertos e debate servirán en Sargadelos para reivindicar a Díaz Pardo

A MARIÑA

Isaac Díaz Pardo
Isaac Díaz Pardo XOÁN A. SOLER

Unha asociación organiza unha romería o vindeiro 12 de xullo

02 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo Isaac-Sargadelos, que forman un conxunto de artistas, comerciantes e asociacións culturais e que xurdiu semanas atrás a raíz do anuncio en abril do peche de Sargadelos, no marco dun conflito entre a dirección do grupo empresarial e Inspección de Traballo, celebrará o 12 de xullo unha romería no conxunto histórico-artístico. Onte, a agrupación desvelou o programa para esta xornada, que ten como obxectivo reivindicar a figura do fundador, Isaac Díaz Pardo.

«Queremos facer visible a memoria da idea de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo regada de traballo incansable no desenvolvemento dun proxecto que compaxinou unha inxente actividade laboral, artística e cultural, non solo na localidade de Sargadelos como centro creador material da mesma e no complexo do Castro, senón que espallouse por toda Galiza ó resto do Estado e mesmo internacionalmente», resalta o colectivo.

Ás 12.00 horas, na Sala das Carboeiras, proxectarase o documental «As miradas de Isaac», de Cecilia Díaz. A continuación, o músico David Bellas interpretará unha composición inédita creada para a ocasión.

Ás 14.00 horas está prevista unha comida de irmandade, «que pretende repetir as merendas tradicionais e familiares que se celebran desde hai 200 anos en Sargadelos, cando Raimundo Ibáñez instalou o pioneiro alto forno».

A partir das 17.00 horas celebrarase unha mesa redonda co título «A fusión entre industria, atre e territorio, un modelo adiantado ao seu tempo». Moderará o coloquio Roberto Pérez Vila, coas intervencións de Xosé Díaz, Camilo Díaz, Juan Carlos Enríquez e Fernando Redondo Neira. Outras voces da cultura galega participarán de xeito audiovisual. A xornada concluirá con actuacións musicais na Sacabeira, con Miro Casabella e Catro nun Zoco, grupo que forman Mini, Iria e Navia Rivas e a violinista Mariña Quintillán.

Tanto na Sala das Carboeiras como na Sacabeira o acceso é libre e de balde, pero dependerá do aforo, concreta a agrupación organizadora.