Taberna de Galiana, en Mondoñedo; Salitre, en Burela, e Confeitería Méndez, no Valadouro, Soletes de verán da Guía Repsol
A MARIÑA

Os tres establecementos mariñáns acaban de ser recoñecidos como «Soletes máis desexados no verán», recoñecidos pola Guía Repsol
26 jun 2025 . Actualizado á 13:38 h.A Guía Repsol acaba de lanzar este xoves unha nova listaxe de Soletes de Verán, con 23 recomendacións en toda Galicia. Entre eles na Mariña a Guía Repsol concede un Solete de Verán a Salitre, en Burela, a Confeitería Méndez, no Valadouro, e a Taberna de Galiana, en Mondoñedo, o restaurante da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a cargo do cal está o mozo chef Isaac Varela, que se formou na Escola de Hostalería de Foz e traballou co popular Chicote.
Taberna de Galiana basea a súa oferta na cociña do soado escritor mindoniense, adaptadas ao tempo de hoxe por Isaac Varela. Un restaurante de recente apertura que ve recoñecido agora o seu traballo e bo facer, do mesmo xeito que o Salitre, de Burela, e un establecemento como Confeitería Méndez en Ferreira do Valadouro.
O Salitre en Burela é outro bar de recente apertura, tras a pandemia, local con historia detrás, pero renovado, innovador, un referente onde tomar a primeira copa, con boas racións, cócteles, copas e boa música e co mar como referencia. Sempre en vanguardia. Confeitería Méndez é un establecemento de referencia tamén no Valadouro, con calidade e man artesá.