O Resu tamén ten o seu propio dicionario e os seus propios rituais, e ás veces mestúranse como unha pedida de matrimonio en pleno «wall of death»
A MARIÑA

Tamén se practican «bailes» como o «circle pit» ou é habitual o «body surfing» no que unha persoa é levada polo aire pola masa de seguidores
27 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.Existe unha «cultura» propia do Resu. O festival que dá cabida ao inimaxinable, comezando polo puro espectáculo a todos os niveis, desde a amálgama de público de diferentes partes do mundo e de polo menos 40 países ata os shows dos artistas e as bandas do cartel. En 20 anos, o Resurrection Fest creceu co seu propio vocabulario empezando pola denominación de «resu» a todo aquel que vai á cita viveriense de calado internacional. É «resu» quen entra nesta chamada cidade da música para vivir un mundo diferente ao cotián e darse un baño de masas entre sons hardcore, punk, metal e outros. O importante dun «resu» sería empaparse no ambiente máis puro do Resu, sen complexos. E vai moito máis alá de vestir unha camiseta negra con letras ilexibles dalgúns conxuntos musicais. É sentir o Resu. Vivilo.

A maiores, a xerga propia dos xéneros musicais gana con algúns «rituais» que ao público lle gusta levar á práctica, diante dos escenarios despregados en Lavandeiras. Poderíanse tipificar de «bailes», como se sinala nalgunha web especializada, ao momento en que os fans se empurran entre eles ou fan un gran círculo e empezan a virar ao redor. Termos que os definen son, por exemplo, circle pit ou wall of death. O primeiro circle pit desta edición de 2025 chegou coa actuación de From Fall To Spring e parece ser que o clásico ritual debe a súa procedencia nos chamados mosh ou pogo, e dise que as súas orixes están nos inicios do hardocore en California.
O crowd surfing ou body surfing é o momento en que una ou varias persoas case «sobrevoan» por amais do público, despois de lanzarse cara á aglomeración e ser conducidas polas mans dos asistentes. É levada polo aire, literalmente, e parece que surfease pero en horizontal. O transporte ideal dun festival como o Resu se queres acadar o front row grazas á colaboración popular e colectiva, por exemplo.

Hai que lembrar que hai máis rituais en Resu, pois algúns seguidores gustan de ir disfrazados e de achegar algo de cor e humor á estética monocromática negra xeral, aínda que aqueles que se toman o gótico moi en serio tamén impactan. Un exemplo seudocarnavalero foi o que levaron a cabo seguidores de Korn, vestidos de mazorcas de millo pois «corn» en inglés é millo. E outra «moda» imprescindible nos últimos anos: casar na Resuland Chapel, que é «un dos rituais por excelencia entre as parellas», sinalan desde o festival. De feito, houbo unha pedida de matrimonio en pleno wall of death.