A pelexa de nais e pais de nenos con autismo para que os feirantes paren unha hora a música das atraccións para que os seus fillos poidan divertirse tamén
A MARIÑA

Pactaran coa comisión de Covas, en Viveiro, apagar a música das atraccións desde as 18h ata as 19h, pero non se cumpriu, aínda que este xoves, Día do Niño, si
26 jun 2025 . Actualizado á 18:32 h.A «pelexa» de nais e pais de pequenos/as con autismo e outras neurodivergencias non cesa, agora para que os feirantes paren unha hora a música das atraccións de modo que os seus fillos (e os demais) poidan divertirse tamén. Iso acordaran, por exemplo, coa comisión de festas de Covas, en Viveiro, pero quéixanse de que os feirantes non cumpriron o acordado durante as festas, aínda que este xoves -Día do Niño- si, ante a insistencia dos membros da comisión.
Desde a asociación Asfanemor denunciaban este incumprimento por parte dos feirantes en Covas, aínda que a comisión de festas si accedeu e entendeu desde un primeiro momento a súa solicitude. «Son os feirantes os que incumpriron o pactado; unhas non abriron porque dicían que non había nenos e outras si abriron pero con música. Este xoves si accederon a apagar a música unha hora ante a petición e a insistencia da comisión», explicaba a presidenta da asociación. Desde Asfanemor tratan, sobre todo, de concienciar para que estes nenos e nenas poidan ter un momento para gozar sen exporse a estímulos (sonoros neste caso) que non saben xestionar, sen que iso impida que os demais pequenos tamén se divirtan.