
Confeitería Méndez, no Valadouro; Taberna de Galiana, en Mondoñedo, e Salitre, en Burela, celebran a súa distinción na Guía Repsol
27 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.A Guía Repsol lanzou onte a nova listaxe de Soletes de Verán, con 23 recomendacións en toda Galicia. Entre eles na Mariña a Guía Repsol concede un Solete de Verán a Salitre, en Burela, a Confeitería Méndez, no Valadouro, e a Taberna de Galiana, en Mondoñedo, o restaurante da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, a cargo do cal está o mozo chef Isaac Varela, que se formou na Escola de Hostalería de Foz e traballou co popular Chicote.
Taberna de Galiana basea a súa oferta na cociña do soado escritor mindoniense, adaptada ao tempo de hoxe por Isaac Varela. Un restaurante de recente apertura que ve recoñecido agora o seu traballo e bo facer, do mesmo xeito que o Salitre, de Burela, e un establecemento como Confeitería Méndez en Ferreira do Valadouro.

O Salitre en Burela é outro negocio de recente apertura, tras a pandemia, local con historia detrás, pero renovado, innovador, un referente onde tomar a primeira copa, con boas racións, cócteles, copas e boa música e co mar como referencia. Sempre en vanguardia. Confeitería Méndez é tamén un local de referencia no Valadouro, con calidade e man artesá.

«Puxémonos súper contentos», manifestaba onte Israel Cruz, un dos tres socios a cargo de Taberna de Galiana, en Mondoñedo: «É que levamos moi pouco tempo. Cumprimos o segundo ano o 1 de xuño e para nós, ademais do gratificante que resulta que recoñezan o teu traballo, supón un empuxe moi grande, porque a repercusión que ten a Guía Repsol é indiscutible. Aparecer nela como local recomendado ten un impacto moi positivo e chegas a moita xente».
Ao seu entender, aínda que matiza que é só unha intuición, sen ningunha información que o avale, o que se valorou especialmente á hora de outorgarlle o Solete de Verán foi «a horta que abrimos agora no verán, aparte, loxicamente, da comida».
A noticia do premio a Salitre tamén foi moi recibida en Burela e celebrada pola súa clientela.
Marisol Cancio Díaz, propietaria da Confeitería Méndez de Ferreira do Valadouro, recibiu onte numerosas felicitacións da súa fiel clientela. O de fiel non é un adxectivo colleito ao voo, porque o recoñecemento da Guía Repsol chégalle a ela despois de 39 anos de traballo, e a un establecemento que puxo en marcha co seu marido, José Manuel Rubal Méndez, xa xubilado, no que ela segue ao pé do canón. Explica que é un negocio familiar fundado no seo dunha familia de panadeiros e pasteleiros, práctica na que se iniciou a avoa de José Manuel e seguiron os pais de José Manuel, dous irmáns...
Marisol Cancio insiste en que se o premio lles chegou agora, o que lles fai moita ilusión, «debémosllo aos nosos clientes. Isto é tamén cousa deles, por estar sempre aí, canda nós. Moita xente xa se está enterando e estanos chamando e felicitando. A verdade é que é moi bonito».
«Cando nolo comunicaron foi unha sorpresa total. Nunca nos deran un recoñecemento así», engadiu Marisol Cancio, quen tamén otea como se achega a súa xubilación sen ter claro se haberá substitución ou non.