O luns comezará a Escola de Minitalentos, que organiza Academia A Mariña en Burela para nenos e nenas de 3 a 12 anos

La Voz

A MARIÑA

CEDIDA

Trátase dun proxecto educativo pioneiro en Galicia

26 jun 2025 . Actualizado á 17:53 h.

O vindeiro luns, 30 de xuño, dará comezo a décimo segunda edición da Escola de Minitalentos, que organiza Academia A Mariña para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Trátase dun proxecto educativo pioneiro en Galicia, que traballa a autoestima, a motivación e as intelixencias múltiples.

A directora da Escola de Minitalentos, Raquel Hermida, destaca que «esta Escola é un programa de desenvolvemento infantil para fomentar o talento dos nenos e as nenas. Os nosos obxectivos son encher as súas mochilas de experiencias novas, contidos e fortalezas, fomentando a autoestima e a motivación. Ademais outro obxectivo é o de potenciar as súas capacidades e habilidades para que sempre poidan contar con elas. Aprendemos a traballar en equipo mentres realizamos proxectos de emprendemento. Traballamos o enxeño, a creatividade e orientámolos para coñecerse mellor, saber o que valen, quererse como persoas e sobre todo ser felices».

Hermida explica que «desde as oito da mañá ata as tres da tarde a escola permanecerá aberta para favorecer a conciliación laboral, podendo incorporarse ás actividades e talleres ao longo da mañá. É unha Escola para aprender divertíndonos, compartindo cos demais e ser felices. A intelixencia emocional é fundamental para o desenvolvemento dos nenos e nenas. Contamos con programas especiais para abordar o conxunto de intelixencias múltiples, destacando entre outros, os talleres de oratoria, de comunicación verbal e non verbal, tan importantes para o día a día».

Raquel Hermida sinala que «esta escola está pensada para desenvolver as capacidades e habilidades dos nosos fillos».