Apoteose no Resu con cheo, shows «de escándalo» e sen apenas incidencias

La Voz

A MARIÑA

Pepa Losada

Só se atenderon ata a noite de onte algunhas torceduras e unhas cantas borracheiras cuns 30.000 fans no festival de Viveiro que gozan «a lume de biqueira»

26 jun 2025 . Actualizado á 22:33 h.

O Resurrection Fest non puido arrincar mellor, con cheo e sen apenas incidencias. Nunca asistira tanta xente ao festival o primeiro día, case 24.000 persoas. Os demais días o cheo sempre é e será total, a medida que se achega a fin de semana.

«Foi apoteósico, apoteósico», cualifica onte a alcaldesa viveirense, Mariña Gueimunde, este arranque do festival, que celebra os seus 20 anos. «Xa se vía a fin de semana anterior moita ambiente en Viveiro e prevese unha grande edición deste festival», di.

Sobre todo pola noite, con Judas Priest, igual que esta noite pasada co show de Till Lindeman sobre o escenario e, sobre todo, con Körn, con 40 millóns de discos vendidos e dous Grammy. «De escándalo, unha marabilla», e un público mozo e tamén familiar. O Resu é iso.

Hai que resaltar que non houbo ata o momento incidencias de consideración. «Nada, atendéronse ningunhas torceduras de nocellos e feridas así, menores, algunhas borracheiras, pero nada máis», resumía a alcaldesa.

O Resurrection Fest destácase precisamente pola falta de incidencias graves nin altercados, polo menos ata o momento ao longo dos anos.

Mentres, polas mañás e sobre todo ao mediodía énchense as terrazas dos hostaleiros viveirenses. Polas tardes Viveiro divídese en dúas partes: da ponte da Misericordia cara a Verxeles, moi tranquilo e baleiro; e da ponte cara a Celeiro, con filas de xente mozo na súa maioría con camisetas negras rumbo ao festival. Unha riada de cor negra polo paseo marítimo ata Lavandeiras.

Había xente coñecida no festival como Roberto Vilar, o presentador e humorista da TVG, natural de Xove, que nunca adoita fallar, e o propio conselleiro de Educación, Román Rodríguez, fan do rock e metal, que non adoita fallar tampouco ao Resu desde as primeiras edicións.

Hoxe, que se prevé un gran día no Resu, os concertos estelares están a cargo de Falling in Reverse, Tesseract, Ángelus Apátrida, Soen, os suecos, ou Ignite desde California.