Acúsanlle de estafar a tres particulares máis de 10.000 euros nun só mes coa falsa compra de coches
A MARIÑA

A Fiscalía reclama para o procesado tres anos de cárcere como suposto autor dun delito continuado de estafa
25 jun 2025 . Actualizado á 13:43 h.Un home afronta unha pena de tres anos de prisión, así como indemnizacións por máis de 10.000 euros para os catro presuntos prexudicados, como suposto autor dun delito continuado de estafa. O xuízo polo caso, procedente do Xulgado 2 de Mondoñedo, celebrarase o venres na Sala do Penal 1 de Lugo.
Segundo a Fiscalía, o acusado, «obrando con ánimo de ilícito enriquecemento», dedicouse durante os primeiros meses do ano 2022 á compra de vehículos a particulares, «sendo o seu propósito apropiarse deles e non abonar o prezo de venda acordado» cos vendedores. «A súa forma de actuar era sempre a mesma: pactaba unha cantidade e incluso formalizaba un contrato, e mostraba posteriormente á outra parte un resgardo dunha suposta transferencia polo importe pactado, retendo o procesado baixo o seu dominio os turismos adquiridos, e non desembolsando por eles» un euro, argumenta o Ministerio Fiscal, que reclama tamén as costas.
Un dos prexudicados puxo á venda o redes sociais o 4 de marzo do 2022 un turismo polo que chegou a un acordo co acusado, cun prezo de venda de 5.200 euros. O procesado «envioulle unha foto dun xustificante de transferencia bancaria, entregando o vendedor o coche ao comprador. Cando acudiu ao banco comprobou que non recibira diñeiro», afirma a Fiscalía.
Dezaseis días despois, sempre segundo o relato do Ministerio Fiscal, caeu na estafa, co mesmo modus operandi, outro vendedor, pactándose como prezo do turismo 2.500 euros. Neste caso, o acusado vendeu o coche a un terceiro por 350 euros, pero «como queira que o procesado non efectuou o cambio de titularidade, o comprador non dispón de documentación e non pode usar o vehículo adquirido».
No terceiro caso, o acusado citouse coa presunta vítima en Barreiros e ambos pactaron a venda dun coche por 2.500 euros. Formalizaron o contrato nunha xestoría focense pero o comprador achegou unha falso xustificante para acabar non pagando nada.