O Resurrection Fest anuncia as horas dos 100 concertos e prepara un gran show final para celebrar os 20 anos e máis sorpresas

La Voz

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Quedan só 13 días para inaugurar a «cidade da música» ao pé do mar en Celeiro-Viveiro; quedan entradas soltas diarias e abonos Pandemonium

12 jun 2025 . Actualizado á 09:34 h.

O Resurrection Fest xa anunciou os horarios dos 100 concertos de hardcore, rock e metal que atronarán Viveiro do 25 ao 28 deste mes na cidade da música, que acollerá ao redor de 40.000 fans cada día. Ademais a organización prepara un gran show final para celebrar os 20 anos deste festival que se converteu nun referente no panorama do rock no mundo. E avanzan que haberá máis sorpresas nesta edición tan especial. Para os atrasados aínda quedan entradas diarias soltas e abonos Pandomium (zona vip).

O día 25 o concerto estelar de Judas Priest será desde as 22.30 ata a medianoite. Antes actuarán Jinjer e haberá moitos máis concertos nos diferentes escenarios instalados no recinto do festival en Celeiro. O día 26 Körn, outra agardado cabeza de cartel, comezará o seu concerto ás 23 horas ata a 1. Antes, de 20.35 a 22 horas actuará Till Lindemann, vocalista de Ramsteim. Noutro escenario Heredeiros da Crus actuarán de 22 horas a 23.15. E tamén noutro escenario ese mesmo día Eagles of Death Metal actuarán de 23.55 a 1,10. 

O día 27 o concerto estelar de Falling in Reverse comezará ás 23 horas. Á conclusión deste concerto comezará outro moi agardado no festival, de Ángelus Apátrida, ás 1,20 horas. O último día de festival, o 28, Slipknot, outro cabeza de cartel, actuará ás 23 horas ata as 00.30. Haberá moitos máis concertos, ata 100, nos diferentes escenarios da cidade da música. 

«Como todos os anos, haberá sesións de firmas, un secret show, un endshow conmemorativo destes 20 anos e nos próximos días irémosvos desvelando máis novidades do recinto, da nosa programación e moito máis!», informa a organización, que nos deixarán aínda máis sorpresas.