
No 2024 anotáronse nos aloxamentos da costa lucense 545.443 pernoitas
01 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.1.090.886 euros. É só unha estimación, pero a cifra merece unha reflexión. Dita cantidade é a que poderían recadar os 15 municipios da Mariña no ano 2024 se todos eles aplicasen a taxa turística, a partir dunha media de dous euros por pernoita. Ata 545.443 noites, segundo o reconto do Instituto Galego de Estatística (IGE) a partir de datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), sumaron o pasado ano no seu conxunto os hoteis, pensións, albergues, casas de turismo rural, campamentos, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico (VUT) da costa lucense.
O turismo na Mariña segue sen atopar o seu teito. No 2023 rexistráronse 519.462 pernoitas, case 26.000 menos que no 2024. No 2022 anotáronse menos de medio millón (471.063), o que tamén ocorreu no exercicio previo á pandemia do coronavirus (451.850 noites). Este crecemento prodúcese nun contexto de debate sobre o fenómeno turístico, con algúns Concellos faltos de marxe para ofrecer os servizos demandados —recollida de lixo, socorrismo nas praias ou abastecemento de auga— pola poboación flotante, especialmente no verán. As Administracións discuten a posibilidade de que os hóspedes contribúan a aliviar os gastos que eles mesmos xeran coa súa visita. Nesa tesitura, a Xunta rexeitou aplicar a nivel galego a taxa turística, emprazando aos Concellos para facelo. Santiago de Compostela recolleu a luva e aprobou a súa propia ordenanza. Que pode agardar a comarca mariñá da opción de aplicar unha recarga ás estadías turísticas?
Segundo o modelo de Santiago, as vivendas turísticas, apartamentos turísticos, casas de turismo rural, campamentos de turismo e albergues aplicarán un euro de taxa; as pensións, 1,5; as vivendas de uso turístico (VUT), 2; e os hoteis, en función da súa categoría, entre 1,5 e 2,5. De acordo coa normativa municipal, só computarán as estadías de turistas de menos de cinco días de duración.
De acordo co censo do 2024 da Axencia Galega de Turismo, os hoteis da Mariña proporcionan 2.268 prazas, e hai sete establecementos considerados de catro estrelas; as pensións achegan 1.367; os albergues, 483; as casas de turismo rural, 485; os campamentos, 2.305; os apartamentos turísticos, 1.455; as vivendas turísticas, 29; e as VUT, que se multiplicaron nos últimos anos, 11.022.
Estes datos ofrecen unha dimensión do que podería aspirar a percibir a comarca se os Concellos aplicasen a taxa e chegásense a niveis altos de ocupación. Das 545.443 noites anotadas no 2024, 370.338 correspondíanse con hoteis; 103.303 con apartamentos turísticos; e 16.124 con aloxamentos de turismo rural, segundo os datos do INE. Pero as VUT seguen aumentando e gañando peso no conxunto como opción de aloxamento.
Os Concellos sopesan esta posibilidade, pero incluso cando son proclives a aplicar a taxa, ven difícil poder facelo. A rexedora de Barreiros, Ana Ermida (BNG), favorable, lembra que o municipio —o segundo máis sobrecargado en Galicia no verán en función dos seus veciños, só superado por Sanxenxo— non dispón dunha oficina técnica para xestionar e recadar este tributo. Barreiros recolle calquera mes fóra da tempada alta turística unha cantidade próxima aos 110.000 quilogramos de lixo, que se converten en 320.000 cando chega agosto. «Sen sustento económico, tal e como está plantexado, é moi difícil levalo a cabo», apunta. Podería facerse dotando de competencias á Mancomunidade, que no entanto será «o que os Concellos queiran», admite. Mariña Gueimunde (PP) sinala que Viveiro quere ter un reconto veraz das VUT antes de tomar decisións. «Os ingresos poderían ser positivos pero non queremos efectos disuasorios», argumenta. Francisco Cajoto (PSOE) prevé que o imposto se aplique en Foz «a curto ou medio prazo, para o coidado do municipio», conclúe.