Produtores de madeira de Viveiro visitan as instalacións de Altri en Portugal: «Foi unha experiencia moi positiva»
A MARIÑA

«Mostráronnos un xeito diferente de facer as cousas baseada na investigación e nas boas prácticas», di Manuel Galdo, presidente de Promavi
23 may 2025 . Actualizado á 14:01 h.Unha delegación da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro, Promavi, integrada por máis de 30 membros da organización e encabezada polo seu presidente, Manuel Galdo, viaxou a Portugal para coñecer persoalmente as instalacións de Altri e os proxectos de xestión forestal e investigación que a empresa está a desenvolver nese país.
Produtores de madeira de eucalipto, os representantes da entidade forestal, mostraron nesta visita un especial interese sobre o traballo de I+D que o grupo Altri desenvolve nos seus viveiros de Quinta do Furadouro, que produce anualmente 8 millóns de plantas certificadas.
Alí, tal como explican, coñeceron «os últimos avances en ámbitos como a mellora xenética dos eucaliptos, a sustentabilidade das plantacións mediante o estudo de novas técnicas, o control de pragas ou o incremento da seguridade nas operacións forestais, entre outras moitas».
«Esta visita foi moi positiva e non só cumpriu as expectativas que traiamos con respecto ao traballo de Altri, senón que as superou amplamente», sinala Manuel Galdo, presidente de Promavi.
«A nivel forestal -engade-, aprendemos moitísimo, mostráronnos un xeito de facer as cousas diferente, baseada na investigación e nas boas prácticas. Tamén visitamos a fábrica de Celbi, a maior planta de celulosa da península ibérica. Creo que, cumprindo os requisitos ambientais de Galicia, España e a Unión Europea, a implantación de Altri en Galicia é unha idea acertada que vai contribuír á mellora da produtividade do sector forestal na nosa comunidade, ademais de producir novas fibras téxtiles que potenciarán un sector económico tan importante en Galicia como é o téxtil», conclúe.
Miguel Silveira, membro do comité executivo de Altri e responsable da xestión forestal e a subministración de madeira e biomasa, comentou que a idea da compaña é trasladar a súa «know how» ao proxecto GAMA para pór en valor o monte galego.