O Resurrection Fest súmase «ás voces que piden o fin do asedio ao pobo palestino» e deixan claro que «o festival non financia ningunha guerra»
A MARIÑA

O gran festival de rock e metal de Viveiro, que comezou co soño duns mozos, «agora como grande evento ten socios externos para asegurar o seu futuro pero unha xestión independente»
21 may 2025 . Actualizado á 13:32 h.A organización do Resurrection Fest, o festival de rock e metal que se celebra en Viveiro cada verán e que se consolidou como un dos mellores do mundo, emitiu onte un comunicado público informando en primeiro lugar, «que condenamos o masacre que está a sufrir o pobo palestino e mostramos a nosa solidariedade con eles nesta grave crise humanitaria, onde sofren as consecuencias da guerra e da vulneración dos dereitos humanos».
«Sumámonos ás voces que piden o final desta situación. En segundo lugar queremos deixar claro que o festival non financia ningunha guerra. Como moitos dos grandes festivais ou eventos culturais por todo o mundo, ademais das empresas locais que o organizan, o festival ten socios externos para poder asegurar o seu futuro nunha industria cada vez máis difícil e global», sinalan no seu comunicado de prensa.
«Nos últimos días déronse por veraces graves acusacións e desinformación sobre o festival polo que nos gustaría aclarar isto». O festival de rock e metal de Viveiro chega o próximo mes á súa edición máis especial, a dos 20 anos, do 25 ao 28 de xuño, e queren celebralo con máis de 80.000 fans ao grande. Contan con Judast Priest, Slipknot, Körn, Falling in Reverse, Novelists, Till Lindemann e ata cen bandas máis. Xa comezou a montaxe da cidade da música en Viveiro: arrincou a conta atrás para unha edición dun Resurrection Fest histórica.
Días atrás algúns medios asociaban a algún fondo proisraelí aos grandes festivais de España o que xerou comentarios. A organización do Resurrection Fest pronúnciase con total rotundidade. O Resu é un festival que naceu do soño e do esforzo duns mozos de Viveiro que contaron no seu momento co apoio do concello. Hoxe en día é un grande evento, unha experiencia total que abarca o mellor rock e metal nun das mellores paisaxes do norte galego e español.
«En 2022 despois dunha pandemia, Resurrection Fest asóciase coa plataforma de festivais independentes Superstruct. Esta empresa conta con diversidade de socios internacionais, entre os cales está desde hai só uns meses a empresa americana KKR, presente en centos de empresas dentro e fóra do noso país. Resurrection Fest quere deixar claro que non está vinculado a ningunha acción dos posibles investidores dos seus socios distanciándonos deles e das súas accións. O festival mantense independente a eles e estes non teñen ningún tipo de control sobre a xestión do mesmo. A independencia do equipo do Resurrection Fest na xestión do festival mantívose intacta durante 20 anos do mesmo xeito que os nosos valores éticos», conclúen desde a organización.