
Que Internet chegue en condicións a todo o territorio é un dereito. E que o turismo pode ser un factor puntual de dinamización en determinadas zonas rurais é evidente. Pero nin o turismo nin a conectividade van resolver o problema do despoboamento das zonas rurais nin das consecuencias que leva aparelladas: a solución só pode vir do mesmo campo.
Aquí, na Mariña, temos carne e peixe da mellor calidade. Pero aínda que a OMS nos recomenda unha dieta que inclúa polo menos 5 pezas diarias de froitas e verduras, preferiblemente frescas e de produción local, énos case imposible conseguilas a pesar de ter unha terra tan rica. Xa nin sequera se atopan nos tradicionais mercados semanais, onde ocupan cada vez máis espazo camións que venden, a través das grandes cadeas de distribución, limóns de Israel, noces de California, peras de Chile, uvas da India, kiwis de Nova Zelandia, plátanos de Honduras, patacas de Exipto ou xudías de Kenya (obtidos xeralmente en condicións de traballo penosas e comercializados con dubidosa trazabilidade).
Este sistema alimentario global está cada vez máis cuestionado polos riscos que supón para a nosa saúde e soberanía alimentaria, e tamén polos seus propios problemas estruturais (fraxilidade das subministracións desde de zonas en conflito, problemas de trazabilidade, custos ambientais do transporte ou proliferación de especies e enfermidades invasoras, entre outros). Por ese motivo a PAC considera un obxectivo esencial para o período 2023- 2027 afrontar o problema do despoboamento do campo mantendo viva a economía rural, impulsando o emprego na agricultura, as industrias agroalimentarias e os sectores asociados.
Aquí en Galicia, estamos avanzado nese camiño? Con que criterios? Non foron ata o de agora as principais beneficiarias dos fondos europeos as grandes empresas agroalimentarias que con frecuencia desenvolven a súa actividade en polígonos industriais de zonas urbanas e, no canto de fixar a poboación no medio rural, atráena cara a eses emprazamentos? Sería bo que se priorizasen, en cambio, as liñas de axudas aos produtores ou promovésese ou favorecese a instalación no rural de actividades directamente vinculadas ao apoio aos agricultores: ben na fase de produción ( servizos de maquinaria, insumos, asistencia técnica etc.) ou as derivadas dela (almacenamento, transporte, transformación, distribución ou comercialización conxuntas)
Neste sentido, non estaría de máis analizar en profundidade cales poderían ser as estratexias de territorio máis consecuentes cos consabidos obxectivos xerais de sustentabilidade, economía circular, alimentación sa e local e fixación da poboación no rural (as aldeas modelo? bonos similares ao da pesca?).
Indicadores claves
Algúns indicadores poden ser claves para esa avaliación de medidas concretas e eficientes para favorecer o cultivo de produtos de horta de proximidade, sans e seguros:
- A creación de infraestruturas comúns de provisión e a articulación de redes que faciliten aos produtores a distribución entre os consumidores locais.
- A racionalización e optimización de recursos, mediante o uso común de infraestruturas para a transformación, ao servizo dos pequenos produtores para estimular a súa actividade ao evitar o desperdicio, permitirlles aproveitar os seus excedentes, dar maior valor engadido ás súas colleitas e desestacionalizar os seus ingresos.
- A industrialización do campo pero respectando o medio rural, como unha prolongación da actividade agraria, aumentando a cadea de valor da produción forestal, agrícola e gandeira mediante procesos de transformación que asenten poboación e non atenten contra outros recursos nin o medio ambiente.
- A investigación para explorar unha maior diversificación e mellor aproveitamento das terras, da produción agrícola e dos residuos xerados nas actividades agrarias.
- Incentivar a instalación en zonas rurais de actividades de servizos ou industrias non vinculadas á produción agraria, pero respectuosas con ela e coa contorna.
- Implementar medios públicos de transporte adecuados para a mobilidade xeográfica dos veciños no medio rural.
- Frear a desaparición das actividades do sector servizos no medio rural, revisando os tipos impositivos que se lles aplican.
Pode haber outros, sen dúbida. Pero o que non debería faltar é a clara vontade de porse a iso se de verdade se quere remontar a situación actual.