En Sargadelos hai unha fábrica de cerámica...

AURELIA BALSEIRO GARCÍA, HERMINIA PERNAS OROZA CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

Grupo de niños en 1969, durante la construcción de la planta circular de Sargadelos
Grupo de nenos en 1969, durante a construción da planta circular de Sargadelos

Ante un desafío importante, tal é o de innovar sen perder a identidade

21 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Así é, en efecto, pero para a comunidade mariñá, non só se trata dunha empresa e dunha produción material. Nós estamos a falar de memoria, compromiso, identidade, historia, arte: patrimonio galego.

Aínda que ben sabemos da actual propiedade empresarial do grupo Sargadelos, tamén é un feito constatado que os seus fundadores, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, crearon o Laboratorio de Formas con este proxecto cuns obxectivos socioculturais que coexistisen con beneficios económicos, xeración de emprego, revitalización da comarca, nun valente proceso de aprendizaxe e continua mellora, seguindo principios e modelos vangardistas europeos ou ensaios na emigración, cun ollo posto na dignidade dun pobo e outro no enlace entre o pasado e o futuro. Así mesmo, hai que lembrar que, en 1968, esta comarca adoecía de vías de comunicación decentes, vaia! Pois coma agora, pero podía máis a idealista recuperación da antiga iniciativa do marqués de Sargadelos que as eivas existentes.

Sobre a transcendencia desta xenial idea xa se falou recentemente nos medios desde a parte histórica e artística a través de Ramón Villares e Mercedes Rozas, por exemplo. Concordando coas súas verbas, como mariñás, tamén temos que engadir a outra parte inmaterial e directa encetada de lembranzas, orgullo de seu, traballo para a nosa xente e esa nostálxica identificación cando vemos o nome de Sargadelos polo mundo adiante, nos escaparates e tendas ou nas películas de Almodóvar. Como declaraba Seoane da Cerámica Magdalena: «enriquecer o mundo coa nosa diferenza».

A actividade fabril sempre tivo reminiscencias artesanais e ía da man de proxectos de interese universal desde o local, como xa dicía Cunqueiro (nihil novum sub sole). Paseniño, foi callando na sociedade a mensaxe e o concepto de Sargadelos a través de obxectos cotiás que, como quen non quere a cousa, acompañábanse de textos explicativos e unhas orixinais embalaxes protectoras e esteticamente igual de atractivas que as pezas do interior. Forma e contido ben coidados.

Destino cultural

En todas as casas da Mariña lucense hai Sargadelos: unha vaixela de voda, agasallos varios, premios e detalles de homenaxes, figuras para adornar o fogar, libros, o café nos pocillos de Sargadelos... e sempre temos familiares, veciños ou coñecidos que estiveron ou están traballando e/ou colaborando con Sargadelos e, gracias aos dous grandes persoeiros citados, este recuncho de Cervo converteuse nun destino cultural, unha illa de creatividade, un faro de galeguismo universal.

A xestión empresarial non é doada nesta sociedade globalizada, pero a resiliencia ás veces funciona, e coidamos, sen utopías, que hai solucións viables que conxuguen a parte económica e laboral coa sociocultural, sobre todo se seguimos os principios básicos de Sargadelos que o definen coma algo único en Galicia; por iso recibiu axuda e fondos públicos que deben reverter no mantemento do emprego e da produción. Nesta altura do século XXI, a economía, obviamente, non é a que era no intre da súa fundación, pero nós seguimos cunha querenza sentimental, cultural, histórico-artística, de compromiso por Sargadelos, que nos impulsa a desexar que desde o diálogo en todas as frontes, se adquiran compromisos de futuro para a súa continuidade, porque non estamos a falar só dunha fábrica...

Evidentemente que non... a fábrica que hai nesta pequena parroquia cervense é moito máis que unha empresa cerámica. Trátase dun proxecto cultural cunha longa historia chea de avatares entre os que destacamos dous fitos importantes: a invasión francesa de 1808 e o exilio galego na Arxentina dalgúns dos seus protagonistas. A figura sargadeliana que teño diante de min (un deseño da fábrica actual, BIC) pretende render unha homenaxe á edificación na que se materializaron as ideas innovadoras do Sargadelos contemporáneo; é dicir, nunha única figura converxen vocación cultural, arte, arquitectura e historia de Galicia.

A día de hoxe parece que a calma volveu instalarse nesta industria; sempre sucede despois do temporal, ou incluso antes do mesmo. É difícil sabelo con exactitude; pero o que si sabemos, a xulgar polo seu percorrido histórico, é que este episodio supón constatar, de novo, unha frustrada busca da estabilidade.

Quizás non sexa este o último intento de peche da emblemática fábrica pero sobrevivirá como sempre fixo.

Desde o século XIX distínguense catro etapas, testemuñas de peches e novas aperturas ata rematar cerrando definitivamente en 1875; fornos, edificios e instalacións foron desmantelados sen deixar apenas rastro de esplendores pasados. Mais, esta empresa, tal Ave Fénix, caracterízase pola capacidade de rexurdir das súas propias cinzas; e así, logo dun longo período no que pareceu durmir o soño eterno (case o século) nacía a quinta etapa que fora xestada no exilio. «É certo, imos reconstruír Sargadelos», confirmaba Díaz Pardo referíndose a esa nova etapa da fábrica de cerámica, que botou a andar un 10 de maio de 1970 coa inauguración da súa planta circular. Enseguida os seus deseños vangardistas se converterían na nova imaxe da resucitada fábrica.

Dependendo economicamente das fábricas de Sargadelos e O Castro púxose en marcha unha editorial: Ediciós do Castro; un museo de arte contemporáneo situado en Sada, o Museo Carlos Maside e un centro de comunicación denominado IGI (Instituto Galego de Información). Para a difusión da cerámica abríronse as Galerías Sargadelos distribuídas a nivel estatal e pouco tempo despois, internacional.

Non obstante, a pesar da súa proxección cultural, as dificultades económicas volveron ameazar o futuro de Sargadelos. As crises non entenden de historia nin de arte; e castigaron con forza as vendas, que se derrubaron a partir de 2008. A noutrora refundada empresa pasou a ser unha empresa reinventada, xa que era necesario reinventarse para non fenecer.

Con este propósito, xurdiron expresións ata entón descoñecidas como plan de viabilidade, profunda reestruturación e novas liñas de negocio, enseguida aplicadas para aliviar o stock de produción. A sangría económica deixara ao proxecto cultural ferido de morte; a empresa reflotouse pero o prezo a pagar foi moi alto: expedentes de regulación de emprego e desaparición de ramas de actividade que non eran rendibles.

Aguzado pola crise, librouse un pulso entre dúas mentalidades diferentes: unha representada pola tradición e o mecenado, e a outra pola modernidade económica neoliberal e a colaboración multifuncional. Desta «loita» entre o «vello» e o «novo» poder saíu vencedor este último; que se enfronta agora a un desafío importante, tal é o de innovar sen perder a identidade; é dicir, conxugar a automatización de procesos cunha das principais sinais de identidade de Sargadelos: o alto nivel de artesanía que sempre caracterizou a súa cerámica, porque Sargadelos é algo máis que unha fábrica, precisada tamén dunha boa cultura de empresa aínda que este binomio poida parecer un oxímoro.

O tempo dirá se esta nova etapa de reinvencións será capaz de garantir que o latexar de Sargadelos siga resoando con forza no futuro de Galicia.