Unha parte dos empregados de Sargadelos volveron hoxe ao traballo na planta de produción

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

O groso do grupo mantense ás portas da fábrica cervense agardando novidades e o presidente da Xunta recoñeceu hoxe: «Estamos nun 'impasse', esto ten que ter un desenlace e eu agardo que ese desenlace sexa o mellor posible» 

07 abr 2025 . Actualizado á 16:29 h.

Unha parte dos traballadores da planta de produción de Sargadelos, en Cervo, accederon este luns á primeira hora da mañá aos seus postos de traballo. Fixérono de forma voluntaria, segundo despréndese das primeiras informacións que transcenderon e segundo confirmou a empresa.

Entraron nas instalacións de produción tras comunicar á firma que o facían baixo a súa propia responsabilidade. Cabe lembrar que o venres a empresa foi chamando un a un a todos os empregados da planta e consultoulles se querían adiantar as vacacións ou regresar ao seu posto de traballo, pero isto último, sempre baixo a súa responsabilidade.

Ademais doutros traballadores que optaron polas vacacións, outro grupo de empregados, o máis numeroso, formado por uns cincuenta, permanecen á entrada da fábrica á espera de novidades. Por agora non recibiron ningún tipo de notificación, segundo confirmaron eles mesmos e tamén o responsable comarcal de Industria de Comisións Obreiras, José Antonio Zan, que outra xornada laboral máis, xunto con Xorxe Caldeiro, responsable comarcal de CIG, e doutros reprensentantes de UGT, continúan fronte á fábrica. Representantes dos tres sindicatos solicitaron hoxe unha reunión urxente a Inspección de Traballo ante a situación que se vive na empresa.

Cabe lembrar que a dirección da compaña comunicou o mércores a Inspección de Traballo o peche da planta de produción da factoría cervense argumentando que non podía corrixir as deficiencias detectadas por Inspección na última revisión realizada a finais de marzo e explicando que precintaba as instalacións para velar pola saúde dos traballadores. Na notificación de Inspección, segundo confirmou a empresa, ademais de 36 deficiencias impúñanlle unha multa de 5.000 euros

Tampouco ata o momento transcendeu ningunha novidade sobre a petición de reunión urxente que solicitou o Ministerio de Traballo á dirección do grupo empresarial. Fontes do Gobierno central confirman que a empresa non contestou á petición ministerial.

Consultada a Consellería de Emprego sobre a situación en Sargadelos, desde ese departamento remitiron á declaración realizada este luns polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión semanal do Gobierno galego e a preguntas da prensa: «Imos ver, se non se producira [a reapertura] e volvo dicir, eu quero poñerme no escenario de que sí se vai producir. Se non se producira esa reapertura, en que circunstancias e baixo que condicionantes, cal sería a forma xurídica dese non abrir... Loxicamente estamos nun impasse, esto ten que ter un desenlace e eu agardo que ese desenlace sexa o mellor posible. Si non é así veremos como se producirían esas circunstancias e como teriamos que actuar nós».