Acordo en Sargadelos: os traballadores poderán volver aos seus postos de traballo «o máis axiña posible»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

xaime ramallal

A Consellería de Emprego e o grupo empresarial chegaron a un acordo para reiniciar a actividade e hai compromiso entre ambas as partes para realizar un estudo das posibles melloras na protección dos empregados

07 abr 2025 . Actualizado á 19:54 h.

Acordo en Sargadelos tras unha reunión a dúas bandas celebrada nas últimas horas entre a Xunta e a empresa. O acordo chega a piques de cumprirse unha semana do peche da planta de produción da fábrica cervense e, segundo transcendeu, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e Sargadelos apostan por reiniciar a actividade produtiva «o máis axiña posible posible».

A consellería e a dirección de Sargadelos chegaron a un acordo para reiniciar a actividade na planta de produción. Segundo un comunicado divulgado a última hora desta tarde, existe un compromiso por parte de ambas as partes tamén para realizar un estudo das posibles melloras na protección dos traballadores.

No mesmo documento indícase que Inspección de Traballo aclarou no seu escrito do pasado 4 de abril «que os niveis de exposición dos traballadores están dentro dos límites legais e as deficiencias advertidas non supoñen risco inminente para os traballadores». Ademais, segundo recoñece o mesmo documento, «tendo en conta as especiais características do edificio, poden flexibilizarse, no seu caso, os prazos sinalados».

Segundo o comunicado, desde a consellería ofrécese a Sargadelos plena colaboración e sensibilidade para implantar as melloras precisas para a protección da saúde dos traballadores. «Se como consecuencia diso fose necesario asumir novas obras de adecuación das instalacións, a Xunta comprométese a apoiar a súa realización, tendo en conta a especial singularidade das instalacións, cualificadas como Ben de Interese Cultural (BIC)», explican no mesmo documento.

Segundo confirmaron desde a empresa, no transcurso da reunión, o administrador único de Sargadelos, Segismundo García, reiterou ao conselleiro a súa sensación de chea «polas múltiples inspeccións ás que está sometido o empresariado».