Estes son os resultados das europeas nos 15 municipios da Mariña

Lucía Rey
Lucía Rey VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

La jornada de votaciones a las elecciones europeas (en imagen, colegio electoral en Viveiro)
A xornada de votacións ás eleccións europeas (en imaxe, colexio electoral en Viveiro) XAIME F. RAMALLAL

O PP logrou a vitoria en dez municipios onde o PSOE vencera no 2019

10 jun 2024 . Actualizado á 19:59 h.

Luns de resaca electoral, tamén na Mariña. No conxunto de España había 61 escanos en xogo e o Partido Popular venceu os comicios europeos nos 15 municipios da comarca, a diferenza do que ocorrera nos  do 2019, cando unicamente lograra o maior número de votos en 5.

Ao Vicedo, Xove, Cervo, Barreiros e Mondoñedo, os populares sumaron nesta ocasión: Viveiro, Burela, Foz, Ribadeo, Ourol, Alfoz, Lourenzá, Trabada, A Pontenova e O Valadouro. Municipios nos que hai cinco anos gañara o PSOE.   

En detalle, un dos resultados máis avultados produciuse en Viveiro, onde o PP logrou o pasado domingo o 43,84% do voto (2.609 sufraxios) fronte ao 28,20% do PSOE (1.678 votos) e o 16,35% do BNG, integrado na coalición Agora Repúblicas, (973 votos). Como cuarta forza situouse VOX con 230 votos e o 3,86%. No 2019, os socialistas venceran estas eleccións na cidade do Landro co 41% do voto fronte ao 25% dos populares; polo que o incremento do partido dirixido a nivel estatal por Alberto Núñez Feijoo e con Dolors Monserrat encabezando a lista ás europeas obtivo unha subida do 18% en Viveiro. A candidatura da nacionalista Ana Miranda captou un 5% máis dos votos que cultivara no 2019. 

En Burela, o PP conseguiu o maior número de apoios, ao captar 1.489 votos (47,22% do total) fronte aos 808 do PSOE (25,62%), e aos 482 do BNG-Agora Repúblicas (15,28%). Nas eleccións anteriores venceran os socialistas co 32,88% dos sufraxios. O PP lograra o 28,46% e o BNG o 13,96%. 

Tamén houbo cambio en Foz, onde o PP obtivo o 42,30% do voto (1.731 papeletas) polo 27,15% do PSOE (1.111 votos), o 17,10% do BNG-Agora Repúblicas (700 votos) e o 5% de VOX (205 votos). No 2019, no municipio focense vencera os comicios para elixir eurodeputados o PSOE (37,09% do voto), tendo en conta que o PP tivera o 27,45% do apoio.

En Barreiros, o BNG situouse esta vez como terceira forza (265 votos e 19,90% do voto). Neste concello costeiro o PP logrou o 49,96% do voto (665 papeletas) e o PSOE o 20,13% (268 votos). 

En Ribadeo tamén gañou o PP, con 1.901 votos (45,79%), seguido do PSOE, con 1.125 sufraxios de apoio (27,10%), e do BNG-Agora Repúblicas, con 566 votos (13,63%). Vox obtivo 196 votos. Os populares incrementaron un 15% os seus apoios nestas eleccións en relación coas do 2019.

Tamén houbo transvasamento de votos entre o PSOE e o PP en Ourol, onde os segundos obtiveron o 45,9% do voto (202 papeletas) fronte ao 27,82% do 2019. Os socialistas alcanzaron esta vez o 32,72% (144 votos), mentres que cinco anos atrás alcanzaran o 50,84%. O BNG, coaligado en Agora Repúblicas, incrementou os seus apoios nun 7% no concello ourolense (54 votos).

Algo parecido ocorreu en Alfoz, onde o PP tivo 350 votos a favor (49,08%) por 220 (30,85%) do PSOE, e 84 (11,78%) do BNG-Agora Repúblicas. O escrutinio deu ademais a vitoria aos populares en Lourenzá. Os de Feijoo captaron o 44,73% do voto (416 papeletas), fronte ao 27,9% que lograran no 2019. O PSOE solicitou 303 apoios (32,58% do total), BNG-Agora Repúblicas, 141 (15,16%) e VOX, 25 (2,68%). 

O Partido Popular rexistrou en Trabada un incremento do 19% nos seus apoios en relación coas europeas do 2019. Este domingo obtivo o 52,95% dos votos (287) fronte ao 32,37% dos anteriores comicios. O PSOE pasou do 48,25% do voto ao 29,88% (162 papeletas), mentres que o BNG alcanzou o 6,27% dos apoios e VOX quedou no 4,05%.

O transvasamento parece claro na Pontenova, onde o PP subiu un 22% (pasou do 26,07% do apoio no 2019 ao 48,13%) ao lograr 438 votos favorables. En cambio, o PSOE sufriu un bajón considerable: do 55,75% de hai cinco anos ao 32,3 deste domingo, cando obtivo 294 papeletas. O BNG-Agora Repúblicas situouse no terceiro posto, co 9,67% do voto (88 papeletas).

O décimo municipio onde houbo cambios notables foi O Valadouro, onde os populares rexistraron 364 votos favorables (45,78%) por 235 dos socialistas (29,55% do voto), e 125 de BNG-Agora Repúblicas (15,72%).  

No Vicedo, Xove, Cervo e Mondoñedo, o PP volveu gañar cunha vantaxe notable. 

Nos comicios do pasado domingo foron elixidos os eurodeputados que participarán desde Bruxelas na toma de decisións en ámbitos importantes como a pesca, o campo, a industria, o comercio ou as novas tecnoloxías, entre outros moitos, e cuxa influencia no presente e o futuro dunha comarca como a mariñá será decisiva.