A Vila, antigo hotel e hoxe vivenda comunitaria de Ribadeo, ofrece aloxar anciáns por días

j.a. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

J.A.

Camino de cumprir un ano de actividade, facilita o servizo de forma excepcional ata que cubra todas as súas prazas con residentes estables

10 may 2024 . Actualizado á 09:18 h.

O pasado 18 de xuño, A Vila, en Vilaframil (Ribadeo), iniciaba unha nova etapa na súa dilatada historia como establecemento público, pasando de afamado restaurante e hotel a ser unha vivenda comunitaria para a terceira idade. Camino de cumprir un ano de actividade, ofrece de forma excepcional un servizo que se presenta como unha interesante opción para aqueles momentos nos que persoas con maiores ao seu cargo non poidan atendelos por imprevistos, ou tamén, ás portas do verán, para tomarse uns días de asueto, viaxe ou vacacións, aloxando aos maiores temporalmente, durante uns días, no establecemento ribadense. 

A partir de 3 ou 4 días

Aínda que no proxecto orixinal para acondicionar A Vila como vivenda comunitaria para a terceira idade contemplábase a creación de 18 prazas para residentes, todos válidos, finalmente foron 12. Delas, 9 están ocupadas e, en tanto os 3 restantes non se cubran con residentes estables, A Vila ofrece a posibilidade de aloxarse por días, a partir dun mínimo de tres ou catro, dependendo das circunstancias de cada ancián.

J.A.

«Temos un caso dunha persoa que estivo 6 días e agora vai volver outros 6. Mentres teñamos prazas libres imos facer así, que o poden aproveitar, por exemplo, familias que teñan unha operación quirúrxica ou unha viaxe, e durante uns días despreocúpanse totalmente da atención do maior, porque nós encargámonos de todo», sinalan desde A Vila. E engaden: «É un pouco unha lembranza de cando tiñamos o hotel. Agora podemos facelo así, con estancias temporais, ata que se cubran todas as prazas con residentes estables».

J.A.

As tres prazas que hai agora dispoñibles son dúas en cuarto compartido e unha individual. O prezo das prazas, que sendo unha vivenda comunitaria inclúe todos os servizos, desde a limpeza de cuartos (todas con baño) á comida supervisada por nutricionistas, lavandería e a atención e coidado ao detalle de cada maior, con vixilancia médica e presenza permanente de persoal (as 24 horas do día), é de 1.500 euros ao mes en cuarto dobre compartido e de 2.000 euros na individual.

A singularidade dA Vila está en que o establecemento ofrece unha imaxe moi diferente da que se liga ás residencias de maiores ou vivendas comunitarias. No seu caso, conserva a estética e o estilo do hotel que foi no seu día, con salóns con amplas cristaleiras, un comedor propio dun restaurante de alto nivel, ademais dun pequeno ximnasio. A Vila ofrece tamén outros servizos engadidos como podoloxía, barbería ou fisioterapia.

Transcorridos uns meses de actividade, Asun Rañón, xerente dA Vila, móstrase satisfeita do cambio de negocio (que orixinariamente abriu en decembro de 1992 como restaurante e ampliouse en xullo de 1999 como hotel, destacando que persoal e residentes conviven «como amigos».