Transportistas mariñáns afectados polas protestas en Francia: «Tivemos quince días cos camións ao 50 % de rendemento»

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

Foto de archivo de varios camiones de la flota de Reyco
Foto de arquivo de varios camións da flota de Reyco CEDIDA

Desde a firma de transporte e loxística Reyco, con sedes en Foz e Valencia, recoñecen que esta semana se foi normalizado a situación

09 feb 2024 . Actualizado á 20:41 h.

As protestas do sector agrícola en Francia para reclamar melloras económicas salpicaron, e moito, a empresas españolas de transporte internacional que deben cruzar territorio galo para trasladar a mercancía a outros países. Nos últimos días a situación foise aos poucos normalizando en estradas e autoestradas francesas, segundo recoñecen desde firmas como a mariñá Reyco, especializada en transporte e loxística, con sedes principais en Fazouro (Foz) e en Valencia, e tamén con delegacións en Italia e no norte de Francia.

O CEO da empresa, Iván Marrube, asegurou este venres que esta semana foi cambiando a situación, pero durante os quince días anteriores sufriron as consecuencias das protestas, tanto nas fronteiras como noutros puntos do territorio francés. Padeceron os cortes viarios, os bloqueos e as retencións, o que afectou directamente á súa actividade e tamén a prazos de entrega.

Marrube deixa claro que en ningún momento a súa flota foi obxecto directo de ataques ou de detencións, xa que os seus vehículos transportan principalmente produtos industriais e elaborados. No entanto, si sufriron os efectos dos folguistas franceses nas súas rutas internacionais. «Ao non levar produtos hortícolas non eramos obxectivo, pero sí que nos afectou a situación, e bastante. Tivemos camións parados», indica.

«Tivemos quince días cos nosos camións ao 50 %, ou incluso menos, de rendemento», explica o CEO da empresa mariñá. Se un dos seus camións circula unha media de 700 quilómetros ao día, durante esas aproximadamente dúas semanas transitaban só uns 200 ou 300. Tamén destaca o paso obrigatorio por Francia dos vehículos que se dirixen a Italia, Bélxica, Alemaña... ademais de reiterar que o país galo «é o destino ao que máis imos».

A esa situación sumábase a necesidade continua de reorganizar e de cambiar os plans para afrontalas, tanto polos vehículos como polos condutores: «Temos que organizar todo o dos chóferes, que son os que se ven na situación. Moitas veces é complicado porque non temos moita posibilidade de reaccionar».

Mentres se recupera aos poucos a situación no país veciño, Marrube recoñece que no seu sector os operadores loxísticos e outros profesionais deben estar sempre atentos e vixiantes a calquera imprevisto, cortes de estradas...«Todas estas situacións obríganos a planificar e replanificar rutas, si ben hai veces que non tes moita capacidade».