Foz presentou o programa do seu primeiro Entroido de Interese Turístico Galego

La Voz FOZ / LA VOZ

A MariÑA

Representantes de O Noso Foz e do Concello focense presentaron este mércores a programación do Entroido 2024
Representantes do Noso Foz e do Concello focense presentaron este mércores a programación do Entroido 2024 CEDIDA

Comezará o sábado 27 coa coroación da raíña e o gran desfile será o sábado 10

26 ene 2024 . Actualizado ás 17:54 h.

A asociación O Noso Foz e o Concello de Foz presentaron este mércores o programa de actividades do Entroido 2024, que comezará coa coroación da raíña o vindeiro sábado 27 na carpa da Rúa Atalaia. A raíña saínte, Uxía Valmayor Forés, entregará a coroa a Carlota Fernández del Riego, segundo destacaron a presidenta de O Noso Foz, Fátima Novo, e a concelleira de Cultura, Inés López. Sendo o primeiro ano como Festa de Interese Turístico, Foz «prepara con mimo» un cartel de actividades que se desenvolverá durante febreiro. O 8 de febreiro inaugurarase a exposición a cargo dos pregoeiros, que nesta ocasión será a Peña Ñass. A continuación terá lugar a cea de comadres, organizada por Afammer e a Asociación de Amas de Casa. Os tiques estarán á venda desde o 22 de xaneiro neses colectivos.

O 9 de febreiro será o día de coplas e pregón na carpa da Atalaia a partir das 20.00 horas. O día grande chegará o sábado 10 ás 17.00 horas coa saída do gran desfile, para o que xa están abertas as inscricións. Poderán completarse ata o día 9 ás 14.00 horas na delegación de Cultura do Concello de Foz ou no teléfono 982 140 027. Os que se inscriban antes das 14 horas do venres 2 poderán participar no sorteo de postos que se realizará lo luns 5 de febreiro.

O concelleiro de Festas, Ángel Fernández, destacou que este ano volverá haber gradaría no porto, e que as entradas se poderán adquirir na oficina de turismo, no Cenima, a partir do 29 de xaneiro, en horario de 9 a 14 horas. O desfile rematará coa entrega de premios ás 01.30 horas na carpa da Atalaia, onde actuarán as orquestras Saudade e Waykas.

O domingo 11 haberá baile infantil a partir das 17.00 horas. A continuación, no salón de actos do Colexio Martínez Otero, ás 20.30 horas, desenvolverase o coñecido Touporroutou. O luns 12 terá lugar o Baile do Farolillo, a partir das 23.00 horas coa orquestra Gran Parada e o pinchadiscos Marcos Peón. O martes 13 será o día do neno, con festa para os máis pequenos na carpa da Atalaia desde as 17.00 horas. O Entroido de Foz despedirase coa queima do Entroido prevista para o venres 16, cando o cortexo fúnebre partirá do Campo da Cabana. O alcalde, Fran Cajoto, engadiu que ó anterior se irán unindo «sorpresas que se irán desvelando ó longo dos seguintes días, e que farán deste Entroido unha edición moi especial».