«Coa nova cuberta, se entra auga, ventilará mellor e secarase rápido»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Renovan os 1.800 metros cadrados da cuberta da catedral de Mondoñedo e dos seus claustros

16 mar 2018 . Actualizado á 05:00 h.

O salmantino afincado en Valladolid Juan Carlos Sánchez é xefe de obra dunha das empresas da UTE Mondoñedo, que realizan as obras de restauración que a Consellería de Cultura promove na cuberta da basílica e no claustro catedralicio da localidade. Teñen un custo de 649.608 euros.

-A UTE creouse para a obra?

-Si, correcto; está formada por dúas empresas, Cabero Edificacións e Obras Gallaecia. O arquitecto director e autor do proxecto é Antonio Pernas Valera, o director de execución, Jesús Damiá e o coordinador de seguridade, Vicente González-Redondo. A obra está financiada polo Feder.

-Cantos metros son?

-Son 1.800. Cabero Edificacións é a quinta catedral que restaura. Somos unha empresa especializada en restauración con clasificación K7e.

-En que estado está a cuberta?

-A razón de facer esta obra é que proximamente se van a restaurar os frescos que hai na cabeceira do presbiterio, na bóveda, e como labor previo acométense as obras na cuberta porque tiñan problemas de entrada de auga. A actual cuberta é de lousa, asentada sobre laxa de dobre rasilla e morteiro e agora vaise a facer unha cuberta de lousa colocada sobre dobre establecido de madeira; a estrutura de madeira vai respectar o máximo posible, pondo prótese ou substituíndo soamente as pezas deterioradas e a lousa vai ir cravada sobre o establecido de madeira e por baixo da lousa vai colocar un illamento (manta de la de roca), que agora mesmo non o ten. Logo hai unhas actuacións concretas na fachada para limpar algunhas zonas que teñen sucidade, de fungos, pola humidade. Tamén o faremos nós.

-Hai unha variación na forma de pór a cuberta Non?

-Si. A lousa actual está pegada con morteiro de cemento e nós ímola a colocar como se colocaba tradicionalmente, que é cravada.

-Que vantaxes ten este sistema?

-Primeiro, que se fixa mellor á madeira e evítase que se poida despegar e saia voando se fai vento. En canto a humidades, a solución de agora, ao retirar ese recheo que tiña de morteiro e ladrillo, se entra algo de humidade, ao ventilar mellor, secará rápido, mentres que antes a auga quedaba aí acumulada e non secaba.