«Moitas grazas, afección»

La Voz

A MARIÑA

CEDIDA

O pavillón municipal da Veiga encheuse no derbi de Terceira División que enfrontou ao CD San Ciprián e o Burela

29 oct 2015 . Actualizado á 05:00 h.

Os ecos do derbi de básquet entre o CD San Ciprián e o CB Burela nada teñen que ver co resultado, o desenvolvemento do partido ou os aspectos que inclinaron a balanza en favor do equipo visitante. A expectación foi o detalle máis comentado entre os espectadores e incluso entre os propios xogadores. O pavillón municipal da Veiga encheuse. Presentou un aspecto fantástico para sorpresa e agrado de quen saltou á cancha. «Foi incrible. Contabamos con que houbese máis xente que en calquera outro partido pero para nada agardabamos ver tanto ambiente. Isto demostra que ao público mariñán gústalle o baloncesto e vive o baloncesto», subliñou Nacho Mota, base do conxunto anfitrión.

O conxunto burelense acabou gañando por 45-59 para ascender ata o terceiro posto dunha clasificación que continúa encabezada polo Praia Augas Santas-CB Ribadeo, que superou sen grandes abafos ao Sarria. Na próxima xornada os ribadenses recibirán ao Becerreá, o Burela xogarán no Vista Alegre ante o Chantada B e o San Ciprián visitará ao Garabolos.