Rufus Harley

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

AL SOL

El músico de jazz Rufus Harley
El músico de jazz Rufus Harley PETER DEJONG

Pola miña afección ao mundo das gaitas, hai anos chegou ata min a historia e a música dunha das figuras máis singulares que teño visto. Trátase dun home de orixe afroamericana, nado en Carolina do Norte e criado en Filadelfia, que decidiu revolucionar a música tocando a gaita escocesa. Ata aí podería parecer algo normal, xa que por aquelas terras houbo unha enorme emigración irlandesa e escocesa que levou consigo as súas tradicións e instrumentos. O sorprendente e fascinante é que, a comezos dos anos sesenta, este home empezou a gravar discos onde mesturaba a gaita con xéneros tan afastados do folclore atlántico como o jazz, o funk, o soul e o hard bop. Esta aposta xa era curiosa por tratarse de estilos onde a gaita non tiña presenza, pero, ademais, sumábaselle unha particularidade estética singular: pola súa condición de zurdo tocaba a gaita escocesa do revés e sen adaptar os elementos. Falamos de Rufus Harley (1936-2006), un home ao que a vida lle cambiou radicalmente en novembro de 1963 tras escoitar o son da banda de gaiteiros do cortexo fúnebre do presidente John F. Kennedy. Naquel intre quedou namorado da potente e característica sonoridade das gaitas, e non parou ata que mercou o seu propio instrumento nunha casa de empeños de Nova York por uns catrocentos dólares. Con aquela primeira gaita deu os seus primeiros pasos de xeito autodidacta, malia as constantes queixas e denuncias da veciñanza polo ruído. Contan as crónicas que os veciños chamaban á policía e el agochaba astutamente o instrumento antes de que chegasen os axentes para, ante as súas preguntas, finxir inocencia e responder con retranca: «Acaso teño pinta de ser escocés ou irlandés?». Despois deses ensaios con aquela precaria gaita, Rufus Harley conseguiu mercar unha de mellor calidade e deu o salto profesional. Ao longo da súa carreira gravou discos históricos para selos como Atlantic Records, colaborou con lendas do jazz como Herbie Mann, Sonny Stitt ou Rahsaan Roland Kirk, e mesmo actuou con bandas de hip-hop alternativo como The Roots nos anos noventa. Rufus Harley demostrou que a gaita non ten fronteiras de raza nin de estilo, deixando un legado, cando menos, peculiar na historia da música.