Martina Lubian, experta en moda sostible: «Se compras roupa compulsivamente é que non che gusta a moda»

YES

MARCOS MÍGUEZ

Fotógrafa de profesión e concienciada coa sustentabilidade por convicción, esta galega acende as redes co seu contido, co que intenta pór o foco sobre a cara B da moda rápida e co que segue sumando seguidores

07 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Amante da moda desde pequena, Martina Lubian (A Coruña, 1996), recoñece que ela mesma foi consumidora habitual do fast fashion, ata que unha estancia en Londres fíxolle, case por casualidade, cambiar a súa percepción desta industria. Con miles de seguidores en Instagram, esta comunicadora audiovisual intenta agora concienciar desta problemática a través das súas redes sociais.

—Cando empezaches a interesarche pola moda e como comezaches en redes?

—A moda encántame desde pequena. De feito, de nena quería ser deseñadora, pero rematei estudando Comunicación Audiovisual. No 2014, xunto con dúas amigas da carreira, decidimos abrir un blogue de moda. Ao pouco tempo elas deixárono, pero eu continuei soa, facendo publicacións periodicamente. Naquel momento, o contido que subía estaba bastante ligado ao fast fashion.

—E cando empezaches a interesarche pola moda sostible?

—No 2018, rematei a carreira e mudeime a Londres para mellorar o meu inglés. Alí, púxenme a buscar unhas prácticas relacionadas co mundo da moda e colléronme para traballar nunha plataforma de moda sostible, na que o que tiña que facer era crear contido para as súas redes. Naquel momento non tiña nin idea do que era, pero vinme obrigada a porme a investigar sobre o tema. Foi un antes e un despois, porque me dei conta de todo o que había detrás da industria da moda, de que non estaba para nada aliñado cos meus valores e de que eu non quería seguir formando parte desa roda.

—Agora dedícaste só ás redes sociais?

—Non, teño outro traballo. Eu son fotógrafa e traballo levando as redes doutras empresas. Creo que é moi difícil gañar diñeiro creando contido sobre sustentabilidade, porque tes que rexeitar moitas ofertas que non están aliñadas cos teus valores e tes que ter moito coidado con iso. Para min é máis importante ser honesta que venderme a unha marca.

—Como lidas cos comentarios negativos?

—A verdade é que o levo bastante ben, porque ese tipo de comentarios adoitan chegar cando un vídeo meu viralízase. Tamén é certo que, en xeral, creo que a sociedade está moi polarizada e hai xente que se toma a miña crítica como algo persoal. Parece que lles estou botando toda a culpa do cambio climático directamente a eles por comprar fast fashion. Cando a realidade é que eu non coñezo a moita da xente que ve o meu contido, así que se o fan ben lles aplaudo e se o fan mal e non me comentan, nunca o saberei. Non entendo esa necesidade de vir darme explicacións.

—Cambiaches de opinión en algo a raíz dalgún comentario en redes?

—Adóitanme falar do tema das tallas, e niso si que estou totalmente de acordo. Entendo esa problemática, porque non podes esixirlle a unha persoa que usa unha 2XL que compre todo sostible. Moitas veces, para quen está nesa situación, ir de compras xa é un suplicio e é moi complicado atopar boas opcións. Pero esas persoas non adoitan ser o problema.

—Que perfil é entón o máis preocupante?

—Hai estudos que mostran que o prototipo de clienta de plataformas como Shein adoita ser unha muller duns 35 anos, cun bo soldo e que decide usar o seu diñeiro para comprar cousas que non necesita. Nese sentido, tamén me chegan comentarios co argumento de que cada un é libre de gastarse o diñeiro no que queira, e faime moita graza.

—Por que?

—Porque, en primeiro lugar, se compras compulsivamente non che gusta a moda, o que che gusta é a roupa. Hai xente que ten unha adicción coas compras, é como unha droga para eles. E, en segundo lugar, porque se te compras cousas que non necesitas cada dúas por tres, non es ti o que elixe onde se está gastando o diñeiro, senón que o está decidindo a mercadotecnia.

«Hai xente que ten unha adicción coas compras, é como unha droga para eles»

—Outro argumento que adoitas recibir é que a moda sostible é cara. Que respondes a iso?

—Si, hai xente que me di que non ten diñeiro para comprarse algo sostible e eu sempre contesto o mesmo: o máis sostible é non comprar. O primeiro que hai que facer é mirar ben no noso armario e intentar aproveitar o que xa temos na casa, ou é que se nos desintegra o armario dunha tempada para outra? Hai xente que cre que ser sostible implica vestirse con follas de parra. Ademais, precisamente para aforrar, é mellor comprar poucas cousas, que che vaian a durar e coidalas, para non ter que estar ás repor cada dúas por tres.

—No fondo, sae máis caro comprar moda rápida?

—Si, en realidade, o fast fashion sae carísimo. Se unha persoa non quere facelo polo planeta nin por quen está sufrindo explotación laboral, polo menos que o faga polo seu diñeiro, que a todos dóenos o peto.

—En que debemos fixarnos para saber se unha marca é realmente sostible ou intenta facer «greenwashing»?

—Principalmente, en tres cousas. A primeira é o volume dá a produción. Se fabrican demasiadas pezas, hai que sospeitar. O segundo, os materiais que usan. É certo que hai pezas, como chubasqueros ou certas mochilas, que teñen que levar materiais que resistan á choiva, pero un xersei ou unha camiseta de poliéster, acrílico ou nailon? Aí tamén hai que sospeitar. A terceira é a máis complicada de detectar: saber onde producen e, en xeral, cal é a súa ética laboral. Esta información non adoita ser tan doado de atopar, pero as marcas realmente sostibles é habitual que ofrezan moita información sobre como producen. Aínda que non o fagan todo perfecto, esa transparencia a min xa me invita a pensar ben da marca.

—Que opinas das plataformas de segunda man?

—Creo que están moi ben pero, como todo, depende de quen as use e de como as use. Son unha boa opción para comprar, pero como sempre, hai que comprar algo cando se necesita. No meu caso, adoito usar este tipo de plataformas, como Vinted ou Wallapop, pero eu compro moi pouco. Non só importa o que compras, senón como compras. O problema chega cando compra compulsivamente, aínda que sexa de segunda man.

—E como podemos evitar comprar compulsivamente?

—Eu creo que deberiamos buscar a raíz de por que estamos a comprar así. Se ir de tendas é o único que nos dá satisfacción, se cadra hai un problema subxacente. Non hai que enganarse, unha camiseta non lle vai a cambiar a vida a ninguén. Tamén pode ser que esteamos en redes sociais todo o día e iso créenos necesidades. Se esa é a razón, cambiar o tipo de perfís que seguimos, eliminar as aplicacións de compras que temos instaladas no teléfono e, en xeral, evitar este tipo de estímulos, pode axudar.

—É posible chegar a ser totalmente sostible?

—Tal e como vivimos hoxe en día non, porque todo o que facemos ten un impacto e é moi difícil que ese impacto sexa sempre positivo. De feito, adoito recibir comentarios recriminándome que falo de sustentabilidade pero teño móbil. Evidentemente que o teño, porque teño que traballar, ir ao médico,... Por iso digo que para non xerar ningún impacto negativo terías que vivir totalmente fóra do sistema, e iso é moi complicado.

—Estamos suficientemente concienciados?

—Creo que temos a suficiente información. Xa hai moitas persoas falando de sustentabilidade por moitas canles, e creo tamén que a xente está máis receptiva a este tipo de contido. Agora ben, unha cousa é estar concienciado e outra diferente é pasar á acción. Pero é certo tamén que segue habendo outra á que lle dá igual, porque non se dan conta de que isto lles afecta directamente. Para min é unha cuestión de empatía.