Guido Álvarez, guía turístico: «Lugo está á altura de Atenas, Roma ou Pompeia»

YES

Guido Álvarez
Guido Álvarez -

«A xente de Lugo sabe vivir, está na rúa, nas tapas, nos cantos de taberna», di Guido, que cre que aínda non sabemos ou tesouro que temos: «Lugo está sorprendendo ao mundo enteiro»

24 may 2024 . Actualizado á 10:34 h.

Defínese Guido Álvarez Parga como turismólogo, un termo que cre abarca máis a súa paixón pola combinación entre o amor á historia e á comunicación que lle vén herdada. De pai arxentino e periodista e nai galega e profesora de Historia, estudou Turismo por amor á Lugo, a Galicia, e pola convicción de que hai moito por dar a coñecer. Guido é, ademais, profesor titor na UNED no grao de Turismo, viviu en varias cidades de Europa e agora, a través da súa actividade nas redes (@guido_guia ), e, por suposto a pé de rúa, une a moita xente a ver Lugo con outros ollos.

  

—Temos unha idea errada de Lugo?

—Percibo que cada vez hai máis coñecemento, pero aínda así hai algo moi claro: sorpréndese todo o mundo do antiga que é a cidade e de como conserva épocas da historia no propio lugar (xacementos, vestixios...) e tamén a súa relevancia. Moitos saben que hai unha muralla romana, pero sorpréndense do enorme que é e do ben conservada que está.

—É a única cidade do mundo que ten unha muralla así.

—Exactamente. É a única muralla romana completa do mundo e a máis antiga que se conserva completa. Xa non só romana, non hai ningunha completa tan antiga. É unha muralla que ten 2 quilómetros e 130 metros. Lugo destaca, e iso si lle chama a atención á xente, por liderar a ese nivel no mundo. Está a altura de cidades como Pompeia, Roma, Atenas, ou como Mérida, Tarragona, está nese circuíto.

—É relevante a súa dualidade: o Lugo antigo e o Lugo á vangarda artística e cultural, tan moderno.

—Si, no movemento artístico de rúa lucense temos por un lado o mellor mural do mundo do 2021, que é unha escultura de Xulio César do Louvre que se proxectou nun muro a carón da muralla; temos o terceiro mural do mundo do 2023, que é a Castrexa Copora, e O Quixote, premiado como o mellor do mes de agosto do 2022. Pero máis alá diso, destaca que nos últimos 25 anos Lugo ten máis de 20 artistas en activo que nos agasallan con pezas por toda a cidade. Lugo é unha galería de grafites, murais ou intervencións reivindicativas.

—O curioso da muralla é que se pode percorrer tanto polo día como pola noite. E é un circuíto de «runners».

—Si, a muralla impresiona polo ben integrada que está na vida da cidade: é unha rúa máis de Lugo. Tanto é así que ás veces esquecemos que é un vestixio arqueolóxico que hai que conservar. É un espazo onde a xente de Lugo fai deporte, un lugar romántico que pasean tantas parellas, un lugar familiar, turístico... A muralla é un dos monumentos máis sociais do mundo.

—Que hai dese eslogan: «E para comer, Lugo»?

—Sen dúbida, a gastronomía é un dos piares de Lugo, sobre todo a cultura das tapas, que chama tanto a atención, pola calidade, a variedade, e polo prezo, porque son gratis. Hai bares que ofrecen moitísimas tapas, pero non as típicas, senón minihamburguesas, champiñóns á crema, tenreira ao viño tinto, bravas... Nos locais sacan varias veces as bandexas, e por unha consumición tomas a tapa de prato cociñado e o pincho (tortilla, pan con xamón...), que é frío, danche as dúas cousas. Ademais ten o ambiente da noite, promovido polas tapas, que se traslada aos barrios, como Fontiñas, A Milagrosa, A Ponte, que son de ruta, de socialización, de tocar música tradicional, de cantos de taberna... Hai unha cultura de saír e compartir. A música tradicional está moi viva, iso é un valor. A xente de Lugo sabe vivir.

—É unha cidade barata?

—É un lugar máis económico, porque é das máis baratas de Galicia tanto para vivir como para visitar. De feito, moita xente escolle esta cidade porque permite pernoctar nun lugar económico e desde aquí podes visitar A Mariña, a Ribeira Sacra, Santiago...

—Como ves agora a cidade?

—Sinto que está sorprendendo ao mundo enteiro, citas como Arde Lucus tamén lle dan moita visibilidade, é unha festa de interese turístico internacional, e ver á xente vestida de época, con estes monumentos impresionantes, impacta. Non só a muralla, está a catedral, a ponte romana, a casa dos mosaicos, a Domus do Mitreo, as termas, a única cloaca musealizada de Galicia... O descubrimento da historia de Lugo nunca se termina, xa non só a parte romana. Temos un Lugo castrexo, celta ou galaico, como o conxunto arqueolóxico Adai, con 4.000 anos de historia. Sen esquecer que é unha cidade moi pouco asfaltada, con espazos abertos, coas hortas, o río... Lugo é unha cidade menos artificial e menos impermeabilizada que outras, aínda brota.