Perdendo a cabeza polo estilo «coquette», o fenómeno que está a marcar tendencia este comezo de ano

YES

É O FENÓMENO que está marcando o comezo do ano. Imposible escapar dos volantes, a cor rosa, os lazos e as perlas. Aquí van algunhas ideas para amar a tendencia máis coqueta, herdeira da «influencer» María Antonieta

08 feb 2024 . Actualizado ás 11:28 h.

Na gala do pasado luns de Operación Triunfo non pasou desapercibido o look de Cris Regatero. A xornalista e membro do xurado aproveita cada aparición semanal para sumarse a unha nova corrente —como os moñitos disparados tan dosmileros—, e nesta ocasión plantouse na gala chea de lazos rosas. O nome do fenómeno vén da palabra «coqueta» e ten a súa inspiración na época victoriana. A maior musa do coquette sería a versión de María Antonieta da directora Sofia Coppola. Ela perdeu literalmente a cabeza, pero a cambio deixou todo este universo tendencioso, que se caracteriza por moitos tons rosa pastel, pezas cheas de volantes, xoias de perlas e moitos lazos por todas partes.

EMPEZOU EN PARÍS

A mostra definitiva de que o coquette seguirá aínda durante un tempo púidose ver na última semana da alta costura de París. A primeira colección de Simone Rocha para Jean Paul Gaultier foi toda unha oda á moda máis coqueta. As perlas, os volantes e o universo coqueto que acompañan habitualmente ás coleccións de Simone Rocha fusionáronse coa alta costura da casa francesa. Os vestidos de festa enchéronse de lazos, perlas ou volantes. Tamén houbo máis momentos coquette no desfile de Chanel. Aos poucos, o espírito naíf de María Antonieta, de soñar cun pasado de cor rosa, vai coándose na roupa, nos complementos e ata na decoración.