Todas as marcas queren traballar con esta galega

YES

O que era un «hobby» agora é unha empresa de éxito. Cristina empezou a facer flores de papel para relaxarse, e aos poucos creou unha marca de referencia no mundo da artesanía. As firmas peléxanse por ela, que xa tivo que dicir non

24 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Da Coruña a Nova York. Concretamente, dun estudo montado nun piso á tenda de Porcelanosa na Quinta Avenida. Ese é a viaxe que fixo hai uns días a galega Cristina Velasco —a metade de Anaquiños de Papel, que no 2024 pasará a chamarse Velasco Mora Studio—, e que pode ser unha metáfora da súa andaina profesional. Hai uns días estivo na cidade dos rañaceos coa prestixiosa firma de cerámica, á que previamente lle fixo os adornos de Nadal, para ensinarlles a facer esas mesmas figuras aos seus clientes. E así foi a súa traxectoria, de menos a máis, ata chegar todo o máis alto. De feito, xa tivo que renunciar a algún que outro encargo. O que empezou como un hobby para reducir o seu nivel de estrés converteuse nunha aposta firme e sólida por ofrecer unha proposta diferente, sobre todo, en temas de decoración.

 Anaquiños de Papel naceu no 2012 en forma de blogue, que era o que levaba entón. A súa irmá Bea, arquitecta de profesión, é unha amante das estruturas e formas rectas, e grazas a iso, descubriu o origami: a arte de encartar o papel. Cristina, que estudou Dereito, cando estaba en casa vía á súa irmá superconcentrada facendo flores e figuras, e pensou que a ela tamén lle viría ben algo así para estar «relaxada» xa que estaba atravesando «unha época de estrés moi grande». «Propúxenme facer flores con ela, e co tempo empezoume a gustar moito. Empecei a recibir encargos. Ao principio, eran de familia e amigos, logo xente que nos escribía e pedíanos cousas», sinala Cristina. Así, aos poucos, ata que entre eses primeiros pedidos apareceu un cliente de renome: Inditex. E a continuación, outro, tamén de gran calado: Vogue. Ante a dimensión que estaba a coller aquel hobby , no 2014 decidiu deixalo todo, nese momento traballaba como bolseira, e darse de alta como autónoma. Apostou por emprender, por traballar profesionalmente como Anaquiños de Papel, como artesás do papel.

Xa pasaron dez anos, e á vista está que a arriscada decisión foi moi acertada. «Ao principio fomos dando paus de cego, pero agora estamos estabilizadas como empresa referente, e máis tranquilas. A miña irmá bótame unha man, pero estou eu soa á fronte», sinala Cristina, que explica que, sendo só dúas mans para todo, o tempo vólvese algo fundamental. Como é un traballo completamente artesanal, ás empresas sempre lles indican a necesidade de que as cousas non sexan para xa. «Se me pides 500 adornos de Nadal fannos falta tres semanas, e dedicándome só a iso, porque tamén somos nais e temos que conciliar, que é moi complicado, tenme que compensar economicamente». Hai veces, cando a carga de traballo é alta, que delega en persoas que ha ir coñecendo ao longo destes anos que traballan ben o papel ou que lle poden avanzar partes do proceso creativo, por exemplo, preparar as caixas para os envíos. Xente próxima que lle vai axudando con determinadas tarefas cando ela non chega. «O proceso é un mix. Case sempre fago toda coas mans, pero teño unha máquina para cortar papel. Se teño que facer unha figura e faime falta un tamaño determinado, por exemplo, 300 cadrados de 15x15, teño unha máquina que mo corta, iso redúceme moitísimo os tempos. Se teño que estar medindo o papel, cortando coas tesoiras, tardo a vida. É o único que teño, e unha impresora que apenas utilizo».

Das súas mans saíron uns pendentes que a firma Simorra presentou na pasarela 080 Barcelona, tamén para leste mesmo evento fixo unhas pezas de papel para que as bailarinas da marca Little Creative Factory desfilasen e bailasen con elas —talvez o seu maior reto ata a data, confesa—, unhas figuritas de tamaño diminuto (palmeira, kiwi, mazá e un barquito) como atrezo nunha sesión de fotos da axenda de Mr. Wonderful, un photocall para Cartier na presentación dun perfume en Madrid, unha colaboración coa revista de arquitectura AD, talleres por toda España con Loewe, tamén para os empregados de Inditex... Unha carteira e unha abano de clientes que a situaron no máis alto do sector. «Ao noso nivel en España, como artesás do papel, creo que estamos de primeiras ou segundas. Hai outra empresa en Barcelona, pero son tropecientos mil empregados, no noso caso só traballamos nós». «O traballo que facemos é moi especial —engade— porque é artesanía en papel. Non é habitual ver flores xigantes, nin figuras, e sobre todo, a alguén que se dedica profesionalmente a iso, e sobrevive. Tamén damos talleres presenciais, tanto a empresas como a particulares. Temos esa dobre faceta: de artesán que fai figuritas moi bonitas, e que, ademais, pode dar un taller no que che ensina como as fixo. E iso as marcas estano solicitando moito». 

APOSTA POLA ARTESANÍA

Ademais de Porcelanosa, a tenda de mobles Kave Home contratouna para que fixese uns ramalletes de flores para os seus clientes, e o día do evento estivo a facer flores en directo para que visen como era o proceso creativo. «Agora as empresas valoran moito a artesanía, e queren que os clientes vexan que eles valoran a artesanía, e tiran moito de artesáns», indica Cristina, que, ás veces, ten que facer malabarismos para gardar as súas creacións sen invadir o resto da súa casa.

Inviste moitas horas do día no papel, mesmo da noite, e ás veces non só se resenten as mans, tamén o pescozo e os ombros de apertar cos dedos. Di que cun folio normal, o que está nas impresoras, trabállase moi ben. E aínda que o papel de seda poida resultar difícil de dobrar, «é doado para engurrar e facer flores e pompones». «Cada papel —explica Cristina— ten a súa utilidade, eu só con tocalo xa se para que o vou utilizar, inspírame, e o propio gramaje (o grosor) xa che indica para que o podes utilizar», asegura Cristina, que agora mesmo pode ter uns 15 tipos diferentes, aínda que tivo que reducir moito a variedade, porque «antes era unha tola do papel». Que, por certo, compra practicamente na Coruña, excepto cando lle piden algo máis específico que recorre a provedores estranxeiros.

Cre que chegar ata aquí foi tanto cuestión do boca a boca como das redes sociais. «Para nós ter un Instagram foi superimportante porque o noso traballo é moi visual. Moitas veces explícaslle á xente que fas artesanía en papel, e non entenden o que lles estás dicindo, pero cando lles ensinas unha foto quedan alucinados. Dinche: ‘Como se pode facer isto en papel?'. E isto é o que fixo que a xente se interese por nós, veno como algo distinto e rechamante. Buscamos o efecto sorpresa, que a xente diga: ‘Iso fíxose en papel?'. Creo que esa foi a vantaxe que tivemos cando empezamos, que a xente buscaba algo distinto, estaba farta do mesmo, e aparecemos nós. Cousas bonitas, cousas con estilo...». E desde un estudo da Coruña están conquistando o mundo.