Estes tres galáns tamén sofren por amor

YES

Á esquerda, Adrián Castiñeiras no papel de Santi. Ao seu carón Fran Nogueira como Raúl. E Christian Escuredo, que interpreta a David.
Á esquerda, Adrián Castiñeiras non papel de Santi. Ao seu carón Fran Nogueira como Raúl. E Christian Escuredo, que interpreta a David. GONZALO BARRAL

Na serie «Saudade de ti» falan de todas aquelas situacións que se dan cando se trata de relacións sentimentais. Os tres actores da ficción, que se pode ver na TVG, contan como os seus personaxes se enfrontan ao amor. Raúl e Santi loitan por unha mesma muller. Mentres que David dubida entre paixón e poder

03 jul 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O amor non é unha ciencia exacta. En Saudade de ti, a serie producida por Voz Audiovisual que emite a Televisión de Galicia, os protagonistas tratan de destripar as diferentes relacións amorosas que tamén poden pasarte antes ou despois. Unha loita entre o amor e a razón. Algúns dos personaxes desta ficción terán que ver se renuncian aos seus sentimentos tras namorarse da persoa que, en principio, non é a adecuada. O amor é así, non sempre é fácil.

Desde un triángulo amoroso ata un mozo que utiliza a sedución para conseguir o que quere. Todos os que forman parte desta ficción coinciden en que son desas variantes que lle poden pasar a calquera.

NOVOS ROMANCES

Se perdiches a primeira tempada, corre a vela, porque o que trae a segunda vai máis aló do que te deixou en dúbida o pasado verán. A audiencia non mente. Esta serie foi tendencia entre os galegos coa súa primeira parte. E a seguinte non vai ser menos. Podes poñerte ao día na páxina web de Televisión de Galicia no apartado reservado para Saudade de ti, se aínda non a viches. Así o explican os tres actores protagonistas da serie: Adrián Castiñeiras, Fran Nogueira e Christian Escuredo, que interpretan, respectivamente, a Santi, Raúl e a David. Estes tres galáns enfróntanse aos dilemas do amor á súa maneira. Xuntos descríbense como os tres galáns de Abrente. Así nolo fan saber.

Abrente é o pobo onde transcorre a historia. Celia, unha das protagonistas, mudouse alí, tras a tráxica morte da súa nai nun accidente de coche. En Abrente ela namorou de Raúl, un destes galáns. «Pero doutra banda está Santi, que tamén está namorado de Celia. Aínda que agora pareza que nos levamos ben, estes dous sempre están á lea», asegura Fran Nogueira. Xuntos forman un triángulo amoroso que perderá un dos seus lados ao longo dos episodios. Ambos se verán na situación de renunciar a terceiras persoas, ou de buscar o amor noutro sitio, xa que Celia por agora non sabe o que sente. De feito, Raúl tampouco lle promete nada, porque está esperando un fillo por parte da súa exmuller, Mónica.

«A diferenza de idade non é un obstáculo para David. Non é algo que se cuestione na serie»

En paralelo, Santi tamén dubida sobre que dirección tomar: se Celia ou Mónica, a exmuller de Raúl. «O que antes fora un triángulo amoroso entre Celia, Raúl e Santi, agora suma a Mónica, e convértese nun cadrado», conta Adrián Castiñeiras.

Fóra da ecuación está David, que ten bastante tamén co seu. «É un estafador que utiliza a arma da sedución para conseguir o que quere», asegura Christian Escuredo, que o interpreta. Unha das súas presas é a súa xefa, Adela, coa que vai manter unha relación. «A diferenza de idade non é un obstáculo para David. Non é algo que se cuestione na serie», engade o actor. Mentres, David mantén outra relación con Elba. Das dúas, a segunda é a que máis lle convén a nivel sentimental. Con todo, con Adela pódese ver reflectido un interese oculto que se desenmascarará ao longo da tempada. «É un personaxe moi agradecido, non é o típico malo. A miña estratexia é facer de riquiño para confundir ás miñas presas e ao espectador», apunta.

RAZÓN OU CORAZÓN

A serie reflicte o amor nas súas diferentes versións. Estas e outras moitas historias envolven a trama. O amor sen idade, o amor cara a unha muller que está embarazada doutro home, o amor entre persoas do mesmo sexo... Estas e outras moitas cuestións expóñense en Saudade de ti. A idea é reflectir todos os tipos de amor que hai, ademais de visibilizar as diferentes relacións que se poden dar entre persoas. Para os actores, a serie é o reflexo da sociedade. «Xorden moitas complicacións que de primeiras poden parecer excesivas, pero que pasan no día a día. E iso dá riqueza ao argumento», recoñecen.

Enseguida a historia engancha. Os actores abren debate e lánzanse a razoar os comportamentos dos seus personaxes. É mellor guiarse pola razón ou polo corazón? O amor pódese medir? Merece David a Elba? En moitas ocasións é o propio espectador o que valora se os protagonistas deben actuar de certa maneira ou non.

En primeiro lugar, Fran Nogueira describe a Raúl como un romántico empedernido. «Morrería por Celia», confesa. Para el o amor é cego, e case sempre actúa segundo o que lle dita o corazón. «Gústame como Raúl empeza a madurar nesta tempada. Xa que comeza a valorar se lle compensa seguir nesa relación que non lle fai ben nin a Celia nin a el», revela. Pero tamén, está a esperar un fillo de Mónica, a súa exmuller. Isto faille dubidar se volver con ela para criar o seu fillo xuntos, ou pedirlle matrimonio a Celia. Está por ver se o galán finalmente toma partido polo seu fillo, ou se mantén na loita da súa amada.

«Santi empeza a quererse un pouco máis a si mesmo e foxe daquilo que o ata, que neste caso é Celia"

A Adrián Castiñeiras, no papel de Santi, nesta tempada pásalle algo parecido. Trata de buscarse a si mesmo e non sabe se deixarse levar por un amor que non lle corresponde. Por iso busca agarimo en brazos doutra persoa. Mónica, a exmuller de Santi, será a súa forma de esquecer a Celia. «Santi empeza a quererse un pouco máis a si mesmo e foxe daquilo que o ata, que neste caso é Celia. Con todo, haberá que ver se finalmente o consegue», revela o actor. Así que el xa non vive tan intensamente coma antes, senón que busca unha vía de escape ou a rendición.

Está claro que nisto do amor tomar o camiño fácil non sempre é unha opción. O perfecto sería que Raúl quedase con Celia e Santi con Mónica. Pero mentres que Celia non se decida, ambos se verán con dereito de tomala como noiva, ou mesmo, esposa.

David xoga noutra liga. Neste papel, Christian Escuredo mide o amor segundo como lle conveña en base aos seus intereses. Fíxase en Adela polo seu poder. Pero ata que punto iso non se pode chegar a confundir con amor? A atracción entre ambos é evidente. O que está claro é que a paixón e o poder van sempre acompañados de mentiras. Independentemente diso, o actor asegura que a diferenza de idade é o menor dos problemas.

En paralelo coa súa xefa está Elba, a súa noiva, unha moza doce e encantadora. «A estafa pode tratarse dunha estratexia de David para fuxir con Elba fóra de Abrente. Esa é a intriga do personaxe», comenta. Por agora, está aínda en dúbida que David se poida chegar a namorar de Adela ou teña claro que só busca o seu diñeiro e investilo coa súa parella. «Que o mozo sexa un estafador non quere dicir que sexa un vilán», aclara Christian. Descúbreo ti mesmo.

O seguinte episodio emitirase mañá á noite ás 22.30 na Televisión de Galicia. Serán dous capítulos seguidos. Ao igual que os luns. Tan só o martes se emite un episodio, no mesmo horario de sempre. Colle libreta e boli, se te sentes identificado, porque o que viven estes personaxes pode pasarche a ti.