Juan Tábara: «Se hai base xenética, a falta de luz solar aumenta a miopía nos nenos»

YES

MARCOS MÍGUEZ

O especialista dános a clave para que non se embacen as lentes coa máscara: pegar un anaco de esparadrapo de papel na parte superior

17 may 2020 . Actualizado ás 18:22 h.

1 Como nos está afectando á vista o confinamento?

A xente que non levaba unha vida tan sedentaria de súpeto estamos a utilizar moitísimo máis a visión próxima. Estamos permanentemente enfocando, contraendo un músculo do ollo, con pantallas, co computador, teléfonos, lendo... Isto produce cansazo. O que antes faciamos unhas horas, agora algunhas persoas fano todo o día.

2 A falta de luz natural afecta á miopía?

Hoxe sábese que é a maior causa da evolución da miopía ata os 12-14 anos. Pero ten que haber unha base xenética. Unha persoa que teña a base xenética non moi marcada se non está con pouca luz e se non está todo o día enfocando, probablemente nunca a faga. Unha persoa que non teña base xenética, pode estar con pouca luz e todo o día lendo, que nunca a vai facer. A diminución da luz natural é o factor principal na aparición e o incremento da miopía no desenvolvemento.

3 Aos adultos non?

Non está tan demostrado, non tanto como nos nenos, que é cando máis se adoita incrementar. A garantía de que non aumente nos adultos non existe, pero a partir dos 25 anos, a tendencia é menor.

4 O covid-19 tamén está nas bágoas.

Hai tres fontes de entrada: o nariz, a boca e a conxuntiva. Cando pomos gotas penetran igual, pois o virus tamén. A idea é non tocarse a cara. Os profesionais que estamos máis expostos levamos protección, pero non ten razón de ser entre a poboación, porque aínda que haxa virus na bágoa, non se vai expandindo.

5 A conjuntivitis, podería ser un síntoma?

Si, pero é unha probabilidade moi baixa. O normal é que se a tes non sexa polo virus, aínda que teñas o coronavirus.

6 Estes días os que usan lentes expoñen que se embazan coas máscaras.

Hai un truco, pegando un pouquiño de esparadrapo de papel entre a parte de arriba da máscara e a pel, evitamos que o aire da respiración suba cara á lente. Eu levo dez anos operando con lentes e con máscara, e fago isto mesmo. Non é para estar ao quitar e póndoo, pero dúas veces ao día non pasa nada.

7 É certo que os medicamentos poden alterar a cor dos ollos?

Non, só un tipo de medicamentos que utillizamos para tratar o glaucoma modifican un pouco a cor. É a única excepción.

8 Que nos fai máis dano, o sol ou as pantallas?

O sol non nos fai dano, fainos dano en exceso. Se non estás ao sol enfermas, e se estás todo o día, tamén. As pantallas prodúcennos cansazo, pero se producisen danos irreparables cantos cegos habería xa.

9 Non vemos peor que antes.

O que detectamos é un incremento moi importante da miopía. Hai 50 anos o sitio onde máis miopía había chegaba ao 20 % da poboación, e no 2020 onde máis hai é en Corea do Sur cun 95%.

10A que se debe?

A que estamos máis tempo confinados, menos tempo ao aire libre. Eles probablemente teñan máis predisposición xenética, pero a escolarizacion afortunadamente pasou a ser obrigatoria, e cando un neno está escolarizado, está con menos luz e usando a visión próxima constantemente. E cando hai base xenética, aflora.