A miss galega que deseña o seu vestido para a gala

YES

25 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Detrás do seu sorriso hai unha campioa de xadrez e unha deseñadora. Esta moza chámase Beatriz Balseiro Cendán, ten 22 anos e é de Vilalba, Lugo. A maior parte do tempo pásao na Coruña, onde estuda Deseño de Interiores na escola Pablo Picasso. Tamén fai os seus primeiros pasos como modelo e será a representante lucense na gala Miss World Spain que se celebrará dentro duns meses. O curioso é que ela mesma está deseñando o vestido que lucirá na final. «Sempre me gustou o mundo da moda e a alta costura, pero non só como modelo para lucir a roupa. Eu elixo a tea e a cor, e conto cunha costureira que me axuda a facer realidade o proxecto», explica. Pero tras esta decisión de confeccionarse o vestido hai outra razón. «Aprendín que os concursos de beleza xa non cosifican ás mulleres, xa non buscan unha beleza exterior, senón a unha muller altruísta, confiada, que se ame a si mesma e que ame aos demais. Buscan unha beleza cun propósito, buscan empoderar á muller... Grazas ao mundo da beleza, aprendín a amarme, a respectarme, e a respectar aos demais, e quero poder mostrar o forte que che fan unhas palabras con confianza. Por iso quero deseñar o meu vestido, quero mostrar un pouco máis de min dunha forma real. Aínda que é arriscado, sei que vou desfilar moi a gusto», destaca mentres mostra uns bosquexos moi sinxelos. «Polo momento é un segredo», engade. Cando era unha nena propúxose ser campioa de xadrez e obtivo cantidade de trofeos. «Encántanme os xogos de estratexia. Agora xa non compito, pero de cando en vez xogo unha partidilla. Se houbese máis campionatos igual apuntábame», asegura Beatriz. Veremos se tamén gaña a partida no citado concurso de beleza.

ZAMBURIÑAS EN MUROS

Apuntei a contestación que me deu o camareiro no bloc de notas do móbil. Certos aspectos da hostalería galega nunca deixan de sorprenderme. Nunha lousa do local indicaban a marabillosa frase dos domingos, callos. Por iso, cando vin que coa consumición puñan uns anacos de pizza e uns fritos recheos de queixo pregunteille polos callos. «Andan moi xustos», respondeu o home con xesto serio desde o outro lado da barra. Interpreto que non se acabaron, pero que apenas quedaban unhas poucas tapas. E iso lévame a pensar que, como non me viu na vida, decidiu gardalos para algún cliente dos de sempre.

"Quero mostrar un pouco máis de min dunha forma real aínda que sexa arriscado”

Finalmente sentámonos a comer nunha mesa alta. Como a encantadora persoa que nos atendeu parecía o xefe, comenteille que era unha pena que xa se acabaron os callos. Pedimos as zamburiñas que nos recomendou, que estaban de película, uns berberechos e unha de polbo. Pero antes de traernos a comanda apareceu cuns callos-sorpresa. «Puiden rescatar unha tapa da cociña», comentou con ton cómplice. O coqueto local chámase Casa Sampedro e está situado no centro de Muros. Facía moito tempo que non daba unha volta por esta localidade marabillosa. Un luxo pasear pola súa ruelas, que me deu a impresión de que estaban moi limpas. Iso si, se queren tomar unha tapa de callos un domingo vaian temperán, que se acaban pronto.