«Estou superorgulloso de chamarme Vigo»

YES

cedida

Vigo Martínez Garrido ten 10 anos e, aínda que vive en Madrid, leva á cidade olívica por bandeira

09 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Este neno vive e naceu en Madrid, pero é tan vigués que o seu nome é Vigo, e os seus apelidos, Martínez Garrido, como os do alcalde socialista fusilado tras o inicio da Guerra Civil. O ano pasado foi outro alcalde socialista, Abel Caballero, quen o recibiu no Concello para contarlle a historia da cidade que leva por nome e darlle algo que lle fixo unha ilusión enorme, o título de vigués de adopción: «Tivemos que plastificárselo. Cando volvemos, creo que non quedou persoa en Madrid á que non lle contase que lle entregaron o título», di entre risos Liliana Garrido, a súa nai. Ela, viguesa do barrio de Coia, foi a culpable da elección do nome. «Díxenlle ao meu marido que se tiñamos un fillo, chamaríase Vigo. E se era nena, Galicia ou Rosalía», asegura. Ao final a nena chamouse Abril, por outra poderosa razón sentimental: «Eu nacín en abril e o meu marido namoroume cantándome unha canción coa guitarra que falaba tamén do mes de abril». Pero o de Vigo si que era inamovible, e iso que a súa propia familia intentou sacarllo da cabeza. Non o conseguiron.

CANDO TOCA VOLVER, CHORA

«Era un xeito de levar á miña cidade sempre comigo, porque a boto moito de menos», conta Liliana, que igual que o seu fillo, ten un vínculo moi especial coas súas raíces: «É curioso, pero cada vez que nos imos de alí, o neno e eu choramos. El faino desde que era un bebé», apunta esta «enferma do mar» que lle contaxiou esta paixón ao neno, talvez, o mesmo día en que naceu. E é que a el, do mesmo xeito que a Abril, molloulles con auga do mar de Vigo tras vir ao mundo. Unha petición expresa que Liliana lle fixo ao seu pai, ao que encargou o envío.

Ela confesa que foi con medo ao rexistro, porque xa había antecedentes: «A min queríanme chamar Lilian, pero aos meus pais non lles deixaron, por iso puxéronme Liliana. Cando cheguei díxenlles que Vigo, e preguntáronme: ‘Vigo con dous ges, como o actor?' [Viggo Mortensen]. E eu díxenlles: ‘Non, cunha, como Vigo capital'. E non houbo problema». O neno non ten santo, pero celébrao o día da Reconquista de Vigo cunha torta adornada coa bandeira de Galicia e o himno galego a todo volume. Recentemente cumpridos os dez, a súa nai asegura que saír en YES é para el un enorme agasallo. «Faime moita ilusión saír no xornal», confesa o neno. Pero o seu verdadeiro soño sería que o alcalde cumpra co que lle prometeu o ano pasado: levalo a Balaídos. Como non, Vigo é celtista ata a medula. E ollo, porque lle tomou a palabra.