O grupo Odaiko presenta «Vaia ritmo»

La Voz

VIGO CIDADE

cedida

A obra social de Abanca inicia o programa de artes escénicas para escolares

20 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O Auditorio do Teatro Afundación de Vigo acollerá desde hoxe ata o venres 24 de novembro a primeira das propostas escénicas para escolares programadas por Afundación en Vigo. Vaia ritmo! está dirixida a primeiro e segundo curso de primaria e poderán gozala máis de 4.000 escolares de 72 centros educativos de Vigo e comarca nas representacións programadas con dúas funcións diarias, ás 10.00 e ás 12.00 horas.

Vaia ritmo!, de Odaiko Percussion Group, é unha proposta musical que ten á percusión como principal protagonista para crear unha obra cargada de humor e improvisación que invita aos escolares a interactuar utilizando a súa creatividade e imaxinación.

Con esta obra inaugúrase a programación escénica para escolares da Obra Social de Abanca en Vigo que chegará este curso a máis de 17.000 escolares de 89 centros educativos. As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas, promovendo unha educación en valores e competencias transversais que potencia o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo.

Ademais de Vaia ritmo!, chegará tamén á cidade olívica o espectáculo de marionetas Pingüin, de Periferia Teatro e premio ao mellor espectáculo no World Art Festival of Puppets de Praga, que aborda as inquietudes ás que se enfronta un neno ante a chegada do seu novo irmán. Tamén Hugo, de Naúfragos Teatro, gañadora do premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil e familiar en 2022, que expón o trastorno do espectro autista na infancia desde a empatía e a sensibilidade, falando de diversidade, de convivencia e da beleza de ser diferentes.

A programación inclúe dúas representacións en inglés da compaña de Face2face Company, Help! (trouble in the jungle), para quinto e sexto de primaria, e I Spy, dirixida a estudantes de ESO.