Premio á farmacia da Illa que pregunta aos seus clientes «que tal estás?»

Bea Costa
Bea Costa A Illa / LA VOZ

VIGO CIDADE

Cedida

A botica de Carlos Casal dispensa un servizo de saúde dos pés e o de «Coidando aos coidadores»

05 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A de Carlos Casal é unha desas farmacias que ofrecen moito máis que a venda de medicamentos e produtos de hixiene e saúde e iso ocorre porque o seu titular aplica aquilo de que as boticas deben desempeñar, ademais, unha función asistencial. O venres cumpríronse catorce anos desde que se instalase na Illa, unha celebración que se suma ao Premio á Farmacia Galega Destacada que lle acaba de conceder Acmfarma ao amparo dos Premios Excelencia Farmacéutica.

O xurado destaca o servizo de saúde de os pés e o de «Coidando ao Coidador» polos que Carlos Casal apostou e gañou. «Foi unha bendita tolemia que funciona grazas ao equipo que está detrás», di en alusión a Salva, Loli, Teresa , Martín e Paula, e tamén a Lorena, unha estudante de Belas Artes que fixo os debuxos dos pés que empregan nos persoais que utilizan na farmacia.

Este farmacéutico natural de Marín está especializado en ortopedia e pensou que desde o seu negocio podía axudar a mellorar a saúde dos pés, eses grandes esquecidos aos que non se lles dá toda a importancia que merecen e que «non son ningunha bobada», apunta Casal. «Os pés poden chegar a producirche unha incapacidade». En primeira instancia atenden ao cliente nunha sala habilitada para tal fin onde se lle abre unha ficha e faise unha primeira exploración, e se o callo, o juanete ou o espolón calcáneo o requier, derivan á persoa ao podólogo ou ao médico de familia. É unha primeira criba que pode evitar males maiores á que poden acceder persoas de todas as idades, aínda que os máis novos non adoitan preocuparse moito polos seus pés máis aló de déixano ver as sandalias.

Tampouco son maioría entre os usuarios do servizo «Coidando ao coidador» concibido para todo aquel que está a cargo dunha persoa con dependencia que precisa de atención permanente as 24 horas. «É o máis querido de todo o que facemos e tamén o máis duro. A síndrome do coidador é unha patoloxía que pode provocar depresión, insomnio, problemas musculares e doutra índole a quen o sofre», explica Casal. Pero como se detecta esta síndrome?. Na farmacia insular teñen o seu propio sistema. «Ninguén llo pregunta aos coidadores, pero nós preguntámoslle: ‘E ti como estás, dormes ben?'».

Un xesto tan sinxelo é ás veces suficiente para animar á xente a soltarse e valorar mediante un test se é necesario derivalo ao médico ou a un psicólogo. «O 90 % dos usuarios son mulleres que deixan a súa vida social para coidar a outras persoas aforrándolles recursos ao sistema, e esa mochila é moi pesada». Carlos Casal propúxose alixeirala, ben sexa invitando os coidadores a que fagan vida social, aconsellándolles sobre cuestións de saúde mental ou ensinándolles a colocar uns cueiros ou facer unha cura. Así seguirán facéndoo, agora co aliciente a maiores que supón o premio que recibirán o día 18 en Vigo.