Unha digestóloga de Vigo lidera un estudo nacional para validar a proba que detecta a colitis ulcerosa grave

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

cedida

A ecografía intestinal denominada «a pé de cama» úsase na predición de risco alto nos tres primeiros días de ingreso

31 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A doutora Natalia García Morales , especialista en dixestivo no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e integrante do Grupo Patoloxía Dixestiva do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, liderará un grupo de investigación a nivel nacional co fin de probar a eficacia da ecografía intestinal denominada «a pé de cama» ou POCBUS, que se usa na predición de risco de mala evolución na colitis ulcerosa grave.

Este estudo, no que participarán como colaboradores facultativos de hospitais de Santiago de Compostela, Madrid e Salamanca, tratará de testar e avaliar a eficacia do emprego da ecografía intestinal que é unha ferramenta de gran utilidade para predicir o risco da mala evolución na colitis ulcerosa grave nos tres primeiros días de ingreso, co fin de poder establecer estratexias terapéuticas de xeito temperán.

García Molares conseguiu un financiamento de 25.000 euros procedente do laboratorio Janssen, a través do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colitis Ulcerosa.

Esta enfermidade inflamatoria crónica afecta á mucosa do recto e do colon e ocasiona discapacidade e alteración na calidade de vida dos pacientes. Habitualmente, maniféstase en forma de brotes de actividade inflamatoria, sendo na maioría dos casos leves ou moderados, pero ao redor dun 15 ou 20 % dos casos poden derivar nunha colitis ulcerosa grave, o que require hospitalización. Ademais, dentro destes casos, un 20 e un 40 % poden requirir unha terapia de rescate aínda máis complexa.

Con tal motivo, as decisións terapéuticas deben de ser tomadas desde os primeiros días de ingreso (tres días a partir do brote) e, actualmente baséanse nunha combinación non estandarizada de distintos parámetros clínicos, analíticos e colonoscópicos máis lentos, caros e menos tolerados que a ecografía intestinal que como sinala, «está a mostrar resultados prometedores» e é non invasiva e non dolorosa.