Como se gobernaba antes en Vigo?

j. miguel gonzález fernández

VIGO CIDADE

cedida

O arcebispo de Santiago designaba case todos os cargos públicos

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O noso sistema político actual, cualificado de liberal-burgués ,guindou ás entrañas da historia ao Antigo Réxime que dominou durante os séculos do XVI ao XVIII e o órgano municipal non ía ser unha excepción. Por aquel entón toda Galicia estaba baixo dominio señorial. O de Vigo pertenceu na Idade Media ao mosteiro de Melón (Ourense), con grandes intereses no Berbés e arredores, pero en 1234 foille arrebatado, despois dun preito de don Laurencio, arcebispo de Santiago, quen tamén buscaba un bo porto e as súas riquezas na ría, igual que en Cangas ou Redondela. Baixo o seu dominio mantívose ata que un decreto de 1811 das Cortes de Cádiz incorporase os señoríos á nación.

O territorio da comarca dividíase entón na xurisdición de Vigo, só a vila e o seu anexo Santiago de Vigo. Rodeábanlle 17 parroquias, de Trasmañó a Oia e de Castrelos a Teis, que formaban o concello rural do Val do Fragoso, tamén de señorío compostelán. Bouzas, do bispo de Tui, contaba con 5 parroquias separadas en 3 bloques no medio do anterior. A parroquia de Valladares era propio do marqués homónimo, liñaxe de grandes guerreiros desde o alto medievo.

O prelado de Santiago era o señor máis poderoso de Galicia, tanto pola extensión das súas terras como polo número de vasallos. Vigo era o máis meridional dos seus dominios, xa dentro do obispado de Tui. Considerábase un «delegado» do monarca, e respectábanse as leis e mandatos da Coroa. Nomeaba directamente a un «xuíz ordinario» (xuíz-alcalde) e a 6 rexedores ou concelleiros. No XVIII, cobraba por dereito de «Mula e Culler» 150 reais, case nada (en Noia 900). Os seus símbolos estaban moi presentes: un rolo ou picota (tamén para delincuentes) na Falperra, un cadro de Santiago no salón municipal e unha vieira (emblema xacobeo) no escudo. Polo demais, o afastado Concello de Vigo gozaba unha case total autonomía de goberno.

O concello era presidido por un xuíz ordinario, que tamén o foi do xulgado. Era caso moi pouco habitual pois lle correspondía o Val do Fragoso no contencioso, pero este contaba cun rudimentario Concello propio (como Redondela e o partido de Reboreda). En principio duraban tres anos e raramente repetían, podendo ser de calquera lugar. Desde 1640 e ata a gran reforma de 1776, a maioría eran hidalgos de aquí e ás veces xente con menos categoría. Non faltaban os semiprofesionales que vivían do exercicio do cargo. No devandito 1776 imponse os xuíces técnicos en dereito (letrados) e forasteiros, talvez para compensar a un consistorio infestado de grandes burgueses.

O número de rexedores non variará nin cos cambios de poboación nin coa política da Coroa (acrecentar postos para vender). Eran vitalicios, para sempre, e renunciables, podían pasarllo a outro co beneplácito do arcebispal; así se formaban dinastías familiares, como os Arines-Párraga, Suárez de Puga-Villavicencio (estes ata 1900) e outros. Polo xeral, eran hidalgos de Vigo a miúdo con pazo nas inmediacións (A Raposeira e O Couto, Sárdoma; Pelaio, Coia; Guixar...), sendo substituídos a partir de 1776 por importantes homes de negocios (Pastor, Marcou do Pont, Rodríguez Avalle). As competencias do concello eran múltiples: fiscais (impostos municipais de propios e arbitrios, Servizo Ordinario do rei), militares (aloxamentos de tropas), abastos (subsistencias: grans e viño), obras públicas (reparacións de rúas e fontes), relixiosas (era patrón da colexiata, festividades), etc. O cargo, como non é de estrañar, outorgaba poder político e prestixio social.

Un procurador xeral do estado da terra e outro, polo gremio do mar eran escollidos por «pluralidade de votos» polos veciños homes (nunca máis da metade) cada primeiro de ano nunha xunta popular na Pedra. En teoría eran os representantes da veciñanza dentro do concello, pero en realidade encartábanse aos intereses dos poderosos rexedores, de cuxas filas sociais se nutrían. Carlos III substitúeos por un síndico e un personero do común (os mariñeiros desaparecen en 1782), escollidos por 24 compromisarios, buscando revitalizar aos concellos, pero en Vigo nada logrou, caendo en mans tamén da gran burguesía.

E hoxe queixámonos ás veces da carga do Concello, pero antes aínda era peor.

Historiador e membro fundador do Instituto de Estudos Vigueses