UGT repasa 130 anos de loita sindical

La Voz

VIGO CIDADE

XOAN CARLOS GIL

O sindicato rememora a súa historia coa exposición «130 anos de loitas e conquistas»

08 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O sindicato Unión Xeral de Traballadores promove a exposición itinerante 130 anos de loitas e conquistas que se pode ver ata o 20 de novembro no Verbum (Samil, 17). A mostra enmárcase nos actos conmemorativos do aniversario do sindicato que arrincaron o pasado 12 de agosto en Barcelona cun acto que reuniu a cadros e delegados de UGT de toda España.

130 anos de loitas e conquistas é unha exposición composta por vinte paneis, catorce deles de carácter histórico e seis temáticos. O discurso expositivo repasa os 130 anos de loita obreira nos que UGT estivo sempre ao lado dos traballadores e traballadoras. Recolle os períodos máis significativos desta longa traxectoria repasando os acontecementos de loita obreira e reivindicacións por un mundo máis xusto.

Así mesmo, repásanse os principais logros do sindicato nos anos de protestas, baixo a ditadura de Primo de Rivera, durante a chegada da II República, durante a Guerra Civil, na época da clandestinidade e o exilio de UGT pola ditadura franquista. Prosegue coa chegada da democracia e a legalización do sindicato, cos anos 80 nos que se converte en primeira forza sindical e acádanse os anos de desavinzas de principios dos 90. A exposición finaliza coa etapa máis moderna, cos novos retos sociais, as alternativas para saír da crise e a recuperación de dereitos laborais.

A mostra pódese visitas, de martes a venres, entre as 17.00 e as 20.00 horas, os sábados, domingos e festivos, de 12.00 a 14.00 horas. O acceso ao recinto é libre e gratuíto.

Varios cargos do sindicato e do PSOE estiveron presentes no acto inaugural, entre eles o alcalde da cidade, Abel Caballero, o secretario xeral de UGT-Galicia, José A. Gómez Gómez, e o secretario xeral de UGT de Pontevedra, José Ramón Vidal Trillo.

Unha vez finalizada a súa estancia en Vigo o próximo 20 de novembro, esta exposición viaxará ata outras localidades galegas, como A Coruña e Lugo xa ao longo do próximo ano 2019.